O 28 de outubro de 2003 botaba a andar www.galiciaconfidencial.com. Entón nacía coma un blog persoal do xornalista, e hoxe director do medio, Xurxo Salgado. Na portada ía un artigo no que se narraban os problemas que por aquel entón había dentro do PPdeG, moi tocado tras a crise do Prestige, e cun presidente da Xunta, Manuel Fraga, cada vez máis debilitado persoal e políticamente.
Desde aquel primeiro post sobre os problemas no Executivo de Fraga, ata hoxe, pasaron xa catro presidentes diferentes e innumerables acontecementos políticos, sociais ou económicos. A política galega mudou de protagonistas, pero non de partido político no poder. E, durante todos estes anos, o Galicia Confidencial estivo aí, ás duras e ás maduras, relatando a actualidade desde unha optica diferente á dos medios oficiais. Tamén, neste tempo, xurdiron novos medios en galego pero pecharon outros emblemáticos. Galicia Confidencial viu como morrían grandes xornais de referencia no noso país. Medios pioneiros na Internet galega como Vieiros e medios históricos en galego como A Nosa Terra. Medios que pecharon por cambios de goberno, como Xornal de Galicia, e outros que non aturaron a presión do mercado xornalístico de números e balances económicos como A Peneira, De luns a venres ou O Correo Galego. Polo medio tamén foron quedando outros proxectos interesantes como Dioivo, Disquecool ou os máis políticos como Gznación ou Sermos Galiza. E nese maremoto de presións políticas e tolería económica, o Galicia Confidencial foi quen de navegar, paseniño, atopando sempre un faro e un porto seguro. En Nadal de 2009, cando máis apertaba a gran crise económica, GC deu un salto cualitativo técnico e informativo e duplicou a súa audiencia mentres outros moitos dignos proxectos xornalísticos pechaban a porta. Entón chegaba a ser o terceiro cibermedio máis lido na Internet en Galicia. Unha traxectoria que fai que hoxe o Galicia Confidencial sexa o decano dos medios xeralistas en galego e un dos proxectos informativos de referencia no noso país. Pola súa portada pasaron os feitos máis significativos de máis de dúas décadas en Galicia e numerosas sinaturas de dirixentes políticos, destacados escritores e poetas, dirixentes sindicais e sociais, xornalistas, historiadores, arqueólogos, empresarios e cidadáns anónimos. "HONESTIDADE E TRANSPARENCIA" Durante estes anos, o Galicia Confidencial pretendeu ser a conciencia informativa da actualidade galega. Por iso, as súas informacións foron críticas cos poderes establecidos —Goberno de Fraga, bipartito ou Executivos de Feijóo e Rueda—, pero "sempre co obxectivo de tentar que a honestidade e a transparencia rixan os códigos éticos dos nosos gobernantes políticos e económicos". "A nosa intención non é buscar inimigos nin publicar informacións incómodas, senón dar a coñecer o que, como xornalistas, consideramos que os cidadáns libres deben coñecer", tal e como recollen os obxectivos xornalísticos fundacionais deste proxecto xornalístico. Por iso, este medio apostou por potenciar a función social e humana das novas e por practicar un xornalismo liberado de intereses económicos, partidos políticos, sindicatos ou grupos de poder. Detrás del non hai fundacións, nin organizacións políticas, nin sindicais, nin tampouco lobbies de poder. "Xornalismo sustentable". Ese é o lema deste medio que puxo en marcha un modelo pioneiro en Galicia hai xa 13 anos, o GC Plus, un sistema de pago por reportaxes de investigación pechado para aqueles e aquelas lectoras que, realmente, confían nun xornalismo sen ataduras de ningún tipo, e que contribúen de xeito anónimo e solidario ao mantemento deste medio. RECUPERANDO AS ESENCIAS E, 22 anos despois, o GC cambia, outra vez de faciana. Faino cun deseño que pretende volver as súas orixes recuperando a esencia e o espírito dese proxecto inicial. Por iso, o novo Galicia Confidencial recupera a sección "Confidencial", para contar o que outros non queren, ou non poden contar. Tamén pon especial interese en potenciar os temas propios das e dos seus xornalistas para marcar diferencias co resto de medios a través da sección "O noso xornalismo". E, para que este proxecto siga vivo mil primaveiras máis volvemos pedir a participación das e dos lectores. Á redacción do GC gustarianos que seguiran apoiando un xornalismo "vivo e sustentable" a través da subscrición e, sobre todo, da participación. Porque, un dos elementos esencias deste proxecto xornalístico segue sendo a apertura e o aire fresco. Por iso, insistimos en que aquelas persoas ou colectivos que queiran ter voz propia, usen a nosa sección renovada de "GC Aberto", unha fiestra para publicar os seus comunicados ou reflexións. Contamos contigo, contamos con vós, porque, se queres ter un medio independente, hai que lembrar sembre as valentes e sempre reconfortantes verbas do gran poeta Celso Emilio Ferreiro, ese que soubo distinguir moi ben entre os "ananos" e os "xigantes", entre os "homes grandes" e os "homes pequenos", entre o bo e o malo xornalismo: Consellos Si foses a xantar con poderosos coida ben a carón de quén te sentas. Pexa a túa gula e couta os teus degaros, ponlle portas á fame si a tiveras, pois é pan mintireiro o pan dos ricos, dóce por fóra, por dentro amarguexa. Afoga a túa cobiza, non desacougues por xuntar facenda. ¿Non coidas que a riqueza non é nada, que o vento a trai e o vento axiña a leva? Non comas pan dun home deshonroso, nin da fartura dil teñas envexa. Dirache, come e bebe, meu amigo, disfroita dos meus teres canto queiras; mais o seu pensamento non concorda, de boca afora serán as súas verbas, pois o seu corazón, cativo e duro, ten de cotío pechas as fenestras do amor e da xusticia. Non o esquezas.
Escribe tu comentario