O Sindicato Labrego Galego (SLG) solicitou a prohibición temporal da entrada de animais de fóra de Galicia pola Dermatosis Nodular Contaxiosa. O sindicato participou na primeira reunión á que foron convocados por parte da Consellería de Medio Rural para abordar o tema.
Censuran que a consellería se limitase a presentar un informe sobre a enfermidade asegurando que "todo se fixo correctamente" e sinalando que "se os gandeiros non estaban informados, é porque non queren", xa que indican que se enviou un correo electrónico con información ás granxas que dispoñen de dirección inscrita, mentres que o resto deben acceder á OVGAN (Oficina Virtual do Gando) e actualizar os seus datos para poder recibir comunicacións.
O SLG lamenta un enfoque que tachan de "culpabilizador" dos gandeiros e afea unha convocatoria que, a 27 de outubro, consideran que chega tarde, "dado que a enfermidade leva semanas xerando preocupación". Apuntan tamén que a información debe ser "constante, precisa e transparente" por parte do departamento autonómico, "e non pode limitarse a reenviar o que publica o Ministerio de Agricultura". "Non é admisible que nos teñamos que informar a través das reunións do propio Ministerio ou das organizacións agrarias doutras comunidades autónomas do que está a ocorrer", destacan.
Trátase dunha enfermidade nova para boa parte de Europa, e existen moitas dúbidas mesmo entre o persoal veterinario, incluíndo a posibilidade de que se modifique a normativa para permitir a vacinación preventiva. "O deber da administración, especialmente nestes casos, é proporcionar información clara e rigorosa, e non deixar que circulen datos confusos que xeran máis incerteza entre as gandeiras e gandeiros", remarcan.
MEDIDAS EXCEPCIONAIS E APOIO REAL Ao SECTOR
O sindicato manifesta ademais a súa preocupación polo protocolo establecido, que contempla o sacrificio de todos os animais se non se alcanza unha cobertura de vacinación do 90 % das granxas e do 75 % do censo de animais nun radio de 50 km ao redor dun foco. A isto engaden que as vacinas aínda non están a chegar ás granxas, o que deixa o sector totalmente desprotexido.
A esta situación súmanlle a alerta por outras cuestións, por exemplo a celebración de certames gandeiros sen medidas de protección, como a Poxa Estatal de Gando celebrada recentemente en Madrid, da que poderían saír animais con destino a Galicia; a falta de control efectivo dos transportes de gando que chega, mesmo desde zonas restrinxidas e de distintas especies, a matadoiros galegos; ou a contía insuficiente das indemnizacións actuais, que en caso de sacrificio non permiten nin sequera a reposición dos animais nin garanten a supervivencia das granxas afectadas.
O SLG reclama a creación urxente dun grupo de crise con capacidade de resposta inmediata, no que participen a administración, as organizacións profesionais agrarias e o persoal veterinario. "Este grupo debe garantir axilidade, coordinación e comunicación directa co sector, para evitar improvisacións e prexuízos innecesarios ás producións galegas", explican. "A prevención é necesaria, pero non pode facerse a costa das labradoras e labradores que manteñen vivo noso rural", apuntou.
Escribe tu comentario