O cribado de cancro de pulmón esténdese a todas as áreas sanitarias

|

Ata o momento só se realizou na área da Coruña, onde participaron máis de 270 persoas e diagnosticáronse cinco casos.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou este luns que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) estende o proxecto piloto de cribado de cancro de pulmón a todas as áreas sanitarias de Galicia e citará a unhas 49.000 persoas.

Así o trasladou o titular do Goberno galego na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, onde detallou que este programa se dirixe a persoas de entre 55 e 74 anos que fumen actualmente ou que o deixasen nos últimos 10 anos. En total, o Sergas convidará a participar neste programa a 49.000 persoas a través dun SMS que se comezará a enviar entre este luns e o martes.

Tal e como explicou Alfonso Rueda, someterase a un TAC aos participantes e, en caso dalgunha anomalía, activaríanse as vías rápidas necesarias para facer novas probas. Así mesmo, o presidente da Xunta sinalou que polo momento esta iniciativa esténdese "como proba piloto". Cos resultados que se alcancen, a Consellería de Sanidade "avaliaría a posibilidade de incluílo na carteira de servizos xerais" do Sergas.

O obxectivo, reafirmou, é "consolidar a Galicia como referente" neste ámbito, destacando que a Administración autonómica foi "pioneira" en cribados de próstata e pulmón. En canto aos resultados do programa piloto na área sanitaria da Coruña, Rueda expuxo que das 273 persoas convidadas, o 72% acudiron á cita, detectándose cinco casos, "a maioría en fase inicial" e, ademais, "descubríronse outros problemas de saúde".

Sin comentarios

Escribe tu comentario




No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.