A viceportavoz primeira do BNG no Parlamento, Olalla Rodil, denunciou este luns que o PP "abusa" dos cambios na lei de acompañamento dos Orzamentos da Xunta de 2026 para ter "máis control político e menos democracia". Nunha rolda de prensa celebrada no Parlamento de Galicia, Rodil referiuse ao Goberno do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, como un dos "máis autoritarios" exercendo funcións cunha forma "bastante absolutista".
Durante a súa intervención, a nacionalista galega explicou que o Goberno galego vai cambiar "pola porta traseira 50 leis e 15 decretos" de diferentes temáticas, "roubándolles aos galegos o debate sobre modificacións lexislativas que son transcendentais, como as que teñen que ver cos órganos de institucións de autogoberno.". En concreto, referiuse a reformas como a da Lei de Estatística, coa que "buscan facerse co control político" do Instituto Galego de Estatística, "expulsando do Consello Galego de Estatística ás persoas representantes da oposición" e "reducindo a participación de colectivos sociais" ao mesmo tempo que "aumenta a súa capacidade para colocar máis persoas a dedo".
Así mesmo, a nacionalista galega recriminou que o PP "prevé quitarlle as competencias e o control en materia de transparencia" á Valedora do pobo e darllo ao Consello Consultivo. "É bastante difícil de entender senón é porque lle permite á Xunta ter mais capacidade de control", sinalou. Tamén, a parlamentaria do Bloque afeou a Rueda que modifique a Lei de Medidas Fiscais e Administrativas para reformar a concesión das Medallas de Galicia. "Unha das medallas foi a Leonor de Borbón, unha decisión que non tivo xustificación ningunha xa que non tivo ningún informe nin razón para darlla", apuntou.
"Agora no canto de actuar conforme á lei, o que fai o PP é cambiala para que o presidente da Xunta poida darlle a medalla a quen lle da gana. O Rei Sol, todo un autócrata", ironizou Rodil. Finalmente, referiuse aos cambios para "dar un interese superior ao proxecto eólico por enriba da protección da paisaxe", unha medida que, subliña, "satisfai as ansias depredadoras da patronal e das grandes enerxéticas, neste caso, eólicas". "Outra mostra máis do concepto que se ten de democracia no Partido Popular de uso completamente abusivo desta lei de acompañamento que utiliza como porta traseira para modificar cuantiosas leis que nada teñen que ver coa execución orzamentaria", concluíu.
Escribe tu comentario