Viaqua, outra vez no centro da polémica en Ourense

|

O pleno de Ourense aproba un modificativo para servizos, con enfrontamento entre o secretario municipal e o BNG.

O pleno de Ourense aprobou, coa abstención de PP e PSdeG, un modificativo de crédito de 24 millóns de euros encamiñado a actualizar os contratos "en precario" dos servizos de xestión da auga, coa concesionaria Viaqua, e de recollida de lixo e limpeza viaria, coa concesionaria Ecourense.

Foi nunha sesión con abandono da mesma por parte do grupo municipal do BNG despois de que o secretario municipal, Francisco Cacharro, pedise intervir para responder a un dos argumentos expostos polo portavoz do BNG local, Luís Seara. "É unha vergoña, se se sente aludido que se presente ás próximas eleccións", doxp Seara á súa saída da sala de plenos, acompañado do resto de membros do grupo.

En concreto, o incidente produciuse durante o debate da primeira cuestión na orde do día, o modificativo de crédito. Seara afeou a xestión dun goberno local "incapaz de renovar ningunha concesión" e que "mente á cidadanía".

Ademais, mencionou un informe desfavorable do Consello Consultivo de Galicia que informaba dunha "grave irregularidade en materia de contratación administrativa", apuntando a Cacharro por "non telo en conta". Ante iso, o secretario municipal solicitou a palabra para argumentar que si o valorou.

"Hai un momento no que hai que dicir basta, non vimos enfrontarnos con ningún técnico do Concello", así o trasladou Seara á saída do pleno, informando os medios da decisión tomada. Tamén sinalou que a intervención "habitual" do secretario "revela a covardía do alcalde" e a súa "falta de argumentos para rebater". "Isto é unha perversión do debate político, para confrontar politicamente, confrontamos cos portavozces e concelleiros do resto de grupos, non con técnicos", sinalou.

MODIFICATIVO

"A realidade é que lle imos a pagar a Viaqua a raiz de cálculos dun contrato que non existe", sinalou o portavoz municipal nacionalista na súa intervención xa o modificativo, mencionando o informe do Consello Consultivo de Galicia, no que se recollía que "unha vez extinguida a vixencia dun contrato, este non pode despregar os seus efectos".

Nesta liña, a portavoz do PSdeG no Concello, Natalia Beneítez, denunciou o "deixamento e incompetencia" do goberno municipal que permitiu "servizos en precario, sen contrato e fóra de legalidade", nunha cidade que "está máis sucia e con servizos inutilizados". "Esa irresponsabilidade ten un prezo, de 24 millóns para liquidar as débedas, o goberno municipal pon escusas de mal pagador", engadiu.

Unha posición compartida polo PP, que reprochou unha "mala xestión" do grupo de goberno que "tivo tempo para evitar que a débeda crecese". "É unha consecuencia de deixamento e improvisación durante este seis anos, sen planificación e con improvisación ata que a débeda explota", explicou a edila popular Noelia Pérez.

ORDENANZA DE DEPURACIÓN DE AUGAS

Por outra banda, o voto favorable de Democracia Ourensá e a abstención do PP permitiron a aprobación definitiva da ordenanza reguladora das tarifas do servizo de abastecemento, saneamento e depuración de augas, contando co voto en contra do PSdeG.

Así mesmo, o pleno aprobou un modificativo de crédito de 2 millóns de euros, contando co voto favorable de PP e Democracia Ourensana (DO), e a abstención de PSdeG, que xa fora rexeitado no pasado pleno do 16 de outubro. Esta vez, o goberno municipal incluíu unha emenda para suprimir a partida "mais controvertida", segundo explicou a portavoz de DO, de 700.000 euros destinados a festas na cidade.

RENUNCIA DE BARQUEIRO

Así mesmo, en pleno deuse conta da renuncia do edil socialista Jose Ángel Barqueiro, que trasladara o pasado 16 de outubro, pola imposibilidade de compaxinar a súa actividade laboral como docente coas súas obrigacións como concelleiro.

Sin comentarios

Escribe tu comentario




No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.