A Federación de Construción e Madeira de CIG-Ferrol anunciou este luns a convocatoria de folga xeral no sector da construción en Galicia para o próximo 5 de novembro. A mobilización afectará os convenios de construción, pintura e derivados do cemento.
Segundo explicou Marcos Sánchez, secretario comarcal desta federación, o motivo principal da convocatoria é a necesidade dun "marco galego" que permita negociar as condicións laborais na comunidade, sen a inxerencia do convenio estatal que "ten reservados para si todas as materias de negociación".
"Queremos negociar aquí, sen ningún tipo de cadeas que nolo impidan, todas as cuestións que teñen que ver co convenio da construción", afirmou Sánchez en rolda de prensa. A decisión tómase tras "máis dun ano" de intentos errados para dialogar coa patronal.
O sindicato considera que unha negociación colectiva con máis capacidade de decisión para os traballadores é fundamental para mellorar o sector. Sánchez apuntou que unhas mellores condicións laborais son necesarias para atraer a novos profesionais, un problema que a propia patronal recoñeceu. Entre as reivindicacións concretas, a CIG denuncia a "gran cantidade de horas extras" no sector, moitas das cales "non se pagan" e que superan "todos os límites legais".
NEGOCIACIÓN NA CORUÑA
No mesmo acto, Ismael Martínez, delegado da CIG, cualificou de "fracaso" a última negociación do convenio provincial. Martínez lamentou a falta de apoio doutras centrais sindicais: "Levamos unha primeira reunión na que quedamos todos os sindicatos en presentar unha plataforma", e que "unha segunda reunión, dous meses despois, os únicos que levamos plataforma eramos nós, a CIG, e os outros sacaron bolígrafo, pois, para asinar".
O sindicato concluíu reiterando que a folga do 5 de novembro é para esixir que as condicións se negocien en Galicia e non nunha mesa "apartada da realidade do sector" en Madrid. O día da folga está prevista unha mobilización ás doce do mediodía con saída desde o edificio da Xunta en Ferrol, na praza de España.
Escribe tu comentario