A política migratoria, nova fronte de batalla entre Xunta e oposición

|

A política migratoria que enfronta a PP e PSOE a nivel estatal tamén entrou na axenda galega. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, cualificou de “improvisación” a proposta da ministra de Mocidade e Infancia, Sira Rego, de limitar a 10-15 menores por centro de acollida, tras anunciar o real decreto non de lei para ordenar o sistema de acollida e establecer criterios mínimos obrigatorios para todas as comunidades autónomas. Rueda subliñou que a Xunta leva meses solicitando planificación no traslado de menores, “sen negarse en ningún momento” a acollelos, pero advertiu que sen planificación nin orzamento adecuado “ninguén pode facer o traballo ben”.

O presidente galego advertiu que aplicar os novos criterios obrigaría a pechar moitos centros que agora funcionan correctamente, e insistiu en que o importante é atender aos menores con garantías, “independentemente do tamaño do centro”. Rueda tamén criticou que as directrices se impoñan sen previo aviso, con condicións que mesmo o Goberno central non cumpre, e reiterou que Galicia fará todo o posible para cumprir coas súas obrigas de acollida.

PSdeG e BNG tamén cuestionaron a postura da Xunta. Lara Méndez, viceportavoz segunda do Grupo Parlamentario Socialista e secretaria de Organización do PSdeG, acusou ao PP de asumir “os rumbos racistas da ultradereita” e advertiu que sen un modelo adecuado, os centros poden converterse en lugares de concentración de menores. Olalla Rodil, viceportavoz primeira do BNG, defendeu un modelo de integración e inclusión, subliñando que non se deben crear guettos nin cárceres, e instou ao Goberno a avanzar no peche dos Centros de Internamento de Estranxeiros (CIE), que cualificou como “absolutamente racistas”.

ARZOBISPO DE SANTIAGO

Pola súa banda, o arcebispo de Santiago, Francisco José Prieto, pediu a Administracións, entidades e institucións "deixar as lexítimas diferenzas políticas" e unir esforzos co obxectivo de "buscar unha acción conxunta" para a acollida de menores migrantes. "Cando se trata da persoa e menores falamos dunha dignidade que ten que ser respectada e que temos que, entre todas as entidades e institucións, procurar deixar as distintas diferenzas políticas e coincidir nun esforzo común", sinalou este luns a preguntas dos medios nunha rolda de prensa en Santiago.

A continuación, subliñou a importancia de "ser conscientes" do que supón a "acollida e inserción" e considerou que "hai que buscar unha acción conxunta onde non se mesture a necesidade de acoller". O arcebispo de Santiago sinalou que os menores migrantes que son acollidos nas diferentes comunidades autónomas deben ser "integrados e formados" para que, cando sexan maiores de idade, "teñan oportunidades" e "sexan parte activa da sociedade".

Sin comentarios

Escribe tu comentario




No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.