A memoria do exilio galego nunhas xornadas en Pontevedra

|

O Concello de Pontevedra convida a mirar cara á historia recente coas Xornadas sobre 'O Exilio Galego', que se celebrarán os días 14 e 15 de novembro de 2025 no Centro Social Gorgullón, e tamén cun paseo temático sobre a literatura e o exilio. As actividades, de carácter gratuíto, forman parte da programación do Ano Castelao e requiren inscrición previa a través de apuntate.pontevedra.gal.

Coordinadas pola xornalista e investigadora Montse Fajardo, as xornadas ofrecerán un percorrido polas múltiples caras do exilio galego, desde os primeiros desprazamentos forzados ata as últimas ondas de finais do franquismo. O venres 14, ás 16:30 horas, a sesión inaugural comezará coa conferencia "Un exilio peculiar dentro do exilio republicano", a cargo do historiador José Manuel Núñez Seixas, vicepresidente do Consello da Cultura Galega e catedrático da Universidade de Santiago de Compostela.

Ás 17:30 horas, a mesa redonda "As vías de escape" explorará as rutas marítimas e as redes de solidariedade que axudaron a fuxir a tantos galegos. Intervirán Eliseo Fernández, especialista en historia marítima, e Roberto Mera, quen abordará o papel dos exiliados Osorio-Tafall e Viana, dúas figuras fundamentais nos servizos de evacuación de refuxiados.

A xornada pechará ás 19:00 horas con "O exilio que non termina: Portugal e Francia, anos 70", un encontro con Elvira Souto, compañeira do activista Moncho Reboiras, e a investigadora feminista Encarna Otero, que analizarán o exilio político dos últimos anos da ditadura.

A mañá do sábado centrarase nas experiencias vitais e culturais de quen tiveron que refacer a súa vida lonxe de Galicia, con especial atención ás mulleres. Ás 10:00 horas celebrarase a mesa redonda "As galegas de ultramar", con intervencións de Montse Fajardo ("Pontevedresas no exilio"), Nancy Pérez ("No público e no privado") e Carme Vidal ("A memoria escrita"). A continuación, ás 11:15 horas, a escritora Inma López Silva ofrecerá a conferencia "A cultura do exilio", que dará paso a clausúraa da man do historiador Ramón Villares, coa charla "Castelao e o Consello de Galiza".

PASEO LITERARIO POLO EXILIO

En paralelo ás xornadas, o Concello presentou tamén 'Mañá será outro día', un paseo temático sobre a literatura e o exilio en Pontevedra. A ruta propón unha viaxe por oito espazos da cidade para descubrir como autores galegos, desde Castelao ata Paz-Andrade, deixaron pegada na Boa Vila e na memoria colectiva.

Sin comentarios

Escribe tu comentario




No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.