Os datos dos cribados en Galicia, nova fronte do PSdeG contra a Xunta

|

A viceportavoz segunda do Grupo Parlamentario Socialista e secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, reprochou ao PP a súa negativa a enviar os datos dos cribados de cancro de mama solicitados polo Ministerio de Sanidade: "Primeiro ocultan os datos, despois rompen o diálogo, e todo porque antepoñen a confrontación política á saúde das persoas".

Todo isto despois de que o pasado luns o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, remitise unha carta á ministra de Sanidade, Mónica García, na que informaba de que a Xunta non facilitaría os datos dos cribados de cancro de mama, colorrectal e cérvix ao considerar a petición "improcedente" e con fins "políticos máis que técnicos".

Neste contexto, nunha rolda de prensa celebrada este luns, a socialista criticou que as Comunidades gobernadas do PP non só se neguen a compartir os datos senón que se levantasen da mesa convocada a Madrid para coordinar esa información. Méndez subliñou que "os datos non son as comunidades autónomas, son os pacientes".

"Un Goberno que se nega a compartir información está a renunciar á súa primeira obrigación, que é garantir a saúde e a seguridade da cidadanía. Rueda xoga coa preocupación e a confianza da cidadanía e converte a Galicia nun instrumento da estratexia partidaria de Feijóo", remarcou. Nesta liña, Méndez sinalou que "non existe un acceso público nin actualizado" aos tempos de espera nin á cobertura real dos cribados, o que "impide comprobar se Galicia cumpre cos estándares de calidade e equidade" recomendados internacionalmente.

Ademais, a parlamentaria resaltou que "aínda que o PP trate de disfrazalo con normalidade", "oculta información e bloquea recursos", que xeraron que queda sen aprobar dous millóns de euros destinados ao cribado do cancro de mama.

Sin comentarios

Escribe tu comentario




No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.