José Esperante París, coñecido como Che de Pedro, era un labrego veciño da parroquia de Eirón, en Mazaricos, asasinado o 22 de xaneiro de 1963 por disparos da Garda Civil cando, xunto con outros veciños e veciñas, defendía o monte veciñal fronte á incautación que pretendía o réxime franquista para repoboación forestal. A súa morte, e as feridas doutros tres veciños, convertéronse nun símbolo da loita labrega pola defensa das terras comunitarias e da resistencia fronte á represión franquista no rural galego. Cada ano, a comunidade local e INGATECO lembran o seu legado no “Día da Loita da Veciñanza Comuneira na Defensa do Monte Veciñal”. Precisamente, e en lembranza desta acción, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, fixo acto de entrega da Declaración de Recoñecemento e Reparación Persoal en memoria de José Esperante París. Foi durante un evento celebrado este luns no salón de actos da Delegación do Goberno en Galicia que contou coa presenza de representantes do Instituto Galego das Terras Comunitarias (INGATECO), promotor da solicitude do recoñecemento, entre eles, o seu presidente, Claudio Quintillán. Pedro Blanco agradeceu o compromiso de INGATECO “na defensa da memoria colectiva, da dignidade labrega e da loita dos comuneiros galegos pola súa terra”, destacando que o traballo da entidade “mantén viva a lembranza daqueles que se enfrontaron á represión para defender o que era de todos”. Tamén estiveron tres dos catro fillos de Che de Pedro que fixeron fincapé na necesidade deste tipo de reparacións e agradeceron a sensibilidade do Goberno de España coa memoria democrática e coas vítimas da ditadura. REPARACIÓN MORAL A Lei 20/2022, de Memoria Democrática, recoñece o dereito á reparación moral e á recuperación da memoria persoal e familiar das persoas que padeceron persecución ou violencia durante a Guerra Civil e a Ditadura. Esta Declaración, emitida polo Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática, outorga un recoñecemento oficial e moral ás vítimas e ás súas familias. Non ten efectos económicos nin patrimoniais, pero constitúe un acto simbólico de xustiza e dignidade, honrando a quen sufriron represión por razóns políticas, ideolóxicas, relixiosas ou culturais.
Escribe tu comentario