As choivas dos últimos días puxeron en evidencia as graves consecuencias do incendio que este verán arrasou máis de 30.000 hectáreas en Valdeorras. A cinza acumulada nos montes calcinados foi arrastrada pola auga, formando ríos de chapapote negro que chegaron a captacións e depósitos municipais en varios concellos da comarca. Os problemas máis graves rexístranse no Barco, Vilamartín e A Rúa, onde se adoptaron medidas de urxencia para garantir o abastecemento. Iso, a pesar que tanto a Xunta, como a Conferencia Hidrográfica anunciaron medidas para mitigar a situación que chegaron tarde.
No Barco de Valdeorras, o alcalde Aurentino Alonso confirmou que as zonas máis afectadas concéntranse en pártea norte do municipio: Xagoaza, Veigamuíños, Tremiñá, Forcadela, Outarelo e Vilanova. "Os regachos de Mariñán e Forcadela baixan negros polo arrastre da cinza", dixo. A situación é aínda máis complexa en Vilamartín de Valdeorras, onde a auga da billa saíu estes días "practicamente negra" no núcleo principal e en aldeas como San Miguel, Arcos e Portela. Así o sinalou a tenente de alcalde Sherezade Núñez, que advirtiu dos efectos na vida diaria. Non só non se pode consumir: "Non se pode usar para nada. Afecta ás lavadoras, aos quentadores, aos electrodomésticos, é durísimo", apuntaba. Ademais da auga negra, Vilamartín teme posibles desbordamentos polo arrastre de troncos, cinza e terra dos montes queimados. Segundo Núñez, os restos do incendio poderían bloquear pontes ou canles e provocar novos danos se persisten as choivas intensas nun cooncello que perdeu o 100 por cen da súa masa forestal Tamén na Rúa producíronse incidencias. A alcaldesa María González Albert informou de problemas en Santo Estevo, onde foi necesario pechar a entrada de auga ao depósito tras detectarse unha capa de setenta centímetros de cinza e lodo na captación. Por iso, os concellos implicados piden á Xunta e á ConfederaciónHidrográfica Miño Sil (CHMS) que "fagan os deberes" logo de meses nos que anunciaron numerosos investimentos nas zonas afectadas que chegan "tarde e mal". RESPONSABILIDADES MUTUAS Pero, tanto a CHMS como a Xunta chegan xa a deshora, a pesar de que as dúas administracións se botan a culpa do acontecido estes días. A Confederación Hidrográfica Miño Sil (CHMS) anunciaba en setembro un plan de actuación para evitar a posible chegada das cinzas procedentes dos incendios á canle dos ríos debido ás escorrentías causadas polas choivas. Segundo explicou o presidente da Confederación Miño-Sil, José Antonio Quiroga, ían investirse uns tres millóns de euros para manter unhas 20 brigadas sobre o terreo durante 6 meses e aclaraba que xa se está actuando na zona de Valdeorras e Carballeda de Avia. Tamén, a conselleira do Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, urxiu este sábado á Confederación Hidrográfica e aos concellos a que "actúen" sobre o arrastre de cinzas a ríos, que actualmente está a afectar ás captacións de augas de municipios da comarca de Valdeorras. A responsable autonómica visitou este sábado unha iniciativa en Cualedro, onde centos de voluntarios colaboran en previr o arrastre das cinzas. Preguntada polos medios respecto diso das localidades que xa están a sufrir as súas consecuencias, asegurou que Augas de Galicia xa concluíu os traballos que lles correspondían e colaborará "á marxe" das súas competencias. "Nós estamos a axudar á marxe da que pode ser nosa competencia, sempre que teñamos a disposición os terreos que nos pon os concellos e mesmo particulares", expuxo.
Escribe tu comentario