A Xunta fixou, nunha orde publicada este luns no Diario Oficial de Galicia (DOG), os servizos mínimos para a folga de profesorado convocada polos sindicatos CIG e STEG para este martes e este mércores, e que terán que garantir a apertura e o peche dos centros escolares. Así, a folga afectará o persoal docente dos centros educativos da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, e desenvolverase desde as 00.00 horas do día 28 de outubro de 2025 ata as 24.00 horas do día 29 de outubro de 2025.
Nesta liña, a Consellería sinala no DOG que "a necesaria conciliación entre o exercicio do dereito constitucional de folga e o mantemento dos servizos esenciais" obriga á Administración galega a fixar uns servizos mínimos "indispensables para o funcionamento dos servizos esenciais". A este respecto, explica que o servizo da educación "non pode ser reducido exclusivamente á actividade docente, xa que, xunto a esta actividade docente, realízanse outras funcións como son a vixilancia e coidado dos nenos e nenas, menores de idade, que acoden aos centros docentes públicos".
"Por tanto, a custodia e seguridade dos menores de idade que accedan a un centro docente público, o cumprimento dos principios constitucionais mencionados e dos dereitos citados é responsabilidade ineludible desta Administración educativa e parte indivisible do dereito esencial á educación", recolle. Desta forma, os centros docentes permanecerán abertos no seu horario habitual, coa necesaria presenza nos devanditos centros do director ou directora ou, no seu caso, doutro membro do equipo directivo que o ou a substitúa. Ademais, lembra que a designación nominal do persoal que deberá cubrir os distintos servizos será feita pola dirección do centro respectivo e publicarase no taboleiro de anuncios dos centros afectados.
ANPAS GALEGAS SÚMASE Á FOLGA
Mentres, Anpas Galegas amosou o seu apoio ás reivindicacións da folga e das mobilizacións convocadas polos sindicatos de educación CIG e STEG. Nun comunicado, a entidade cita algunhas destas peticións como son a baixada dos cocientes en todas as etapas educativas a partir do próximo curso 2026-2027, a recuperación do horario lectivo recortado en 2011 e 2012, acompañado dun incremento do persoal que permita acabar coas itinierancias e coa impartición de materias afíns; e medidas concretas que garantan unha correcta atención á diversidade, entre outras. "Todos estes puntos repercuten directamente na calidade educativa e na atención ao alumnado, especialmente ao máis vulnerable, que nos últimos cursos viuse prexudicado pola falta de especialistas en atención educativa e os continuos recortes en profesorado", destacan.
Escribe tu comentario