O Sindicato Médico de Galicia (Simega) rexeitou "rotundamente" o Plan de Continxencia do Sergas para paliar o déficit de profesionais en Atención Primaria porque, ao seu xuízo, "empeora ostensiblemente" as condicións laborais destes facultativos.
"Ao impor gardas de 24 horas, a cambio de que as mañás dos sábados deixen de ser obrigatorias", sinala nun comunicado no que demandan, ademais, "unha reestruturación" da Atención Primaria. "Cun estudo das necesidades reais, unha carteira de servizos e actividades para todo o persoal do primeiro chanzo da asistencia sanitaria e que sexa a longo prazo para dar unha solución definitiva en lugar de pór un parche".
Engaden que os problemas estruturais "só se solucionan con cambios estruturais e se o modelo non funciona e non é atractivo haberá que cambialo, sempre contando cos profesionais, porque sen eles ou contra eles ningún modelo será viable".
Simega considera que por parte da Administración búscase "querer facer o mesmo ou mesmo máis do que se fai actualmente, sen ampliar o persoal", algo que, engaden, non están dispostos a "tolerar".
Escribe tu comentario