Un dos argumentos máis utilizados no debate a favor da eliminación do cambio de hora son as alteracións que produce no organismo adiantar ou atrasar unha hora dúas veces ao ano. Neste sentido, o neurólogo do Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS), Emilio Rodríguez, sinala que as máis habituais prodúcense durante o período de adaptación que segue ao cambio de hora e son a "irritabilidade, un menor rendemento e trastornos como o insomnio".
"O ritmo de ciclo soño-vixilia ten que ser regular. Por que? Porque se non aumenta o risco de enfermidades como a hipertensión, a diabetes, o infarto de miocardio, o ictus,...etc. Este control depende dun reloxo interno que está situado no cerebro, o cal depende moito da luz", ampliou.
Segundo o doutor, a Sociedade Española do Soño suxire, "ademais de non facer un cambio de hora", que se fixe o horario de inverno para todo o ano, xa que facilita a exposición á luz nas primeiras horas da mañá, en horario laboral e escolar. "Iso axuda a que teñamos máis horas de soño e un espertar máis natural que coincide co amencer", sintetiza.
Pola contra, se se puxese o horario de verán de forma permanente, habería máis horas de noite e escuridade pola mañá durante o inverno e máis horas de luz pola noite no verán, o cal "desaxusta o reloxo interno e supón unha perda de horas de soño". "Os cambios de ritmo nas horas ás que nos deitamos e levantamos en xeral son desaconsellables, pero no caso do cambio de hora é un cambio ao que non podes adaptarche porque é brusco e afecta a toda a semana do tirón. Non podes compensalo facilmente", desenvolveu.
Os MÁIS VULNERABLES: ESTUDANTES E TRABALLADORES
En canto á poboación "máis vulnerable" a estas afectacións, Rodríguez indica que son os nenos e adolescentes en idade escolar e o persoal laboral, ao ser os que teñen que madrugar cunhas horas de luz que "non son as adecuadas" porque "se levantan pola mañá e hai escuridade".
Preguntado polas recomendacións para "minimizar" as alteracións derivadas do cambio estacional de hora, Emilio Rodríguez remarca as recomendacións de hixiene do soño. É dicir, "evitar a exposición ás pantallas á noite, pór luz o máis pronto posible ás mañás e tentar non atrasar tanto ese ritmo soño-vixilia". Con todo, Rodríguez concluíu destacando que é posible que en Galicia, respecto dos ciclos de soño-vixilia, "conveña máis un horario como o de Portugal".
Escribe tu comentario