O parlamentario socialista Aitor Bouza reclamou á conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, que se reúna cos propietarios e propietarias das Fragas do Eume e avance nun calendario para as adquisicións de terreo e nun plan específico de actuación sobre o parque. Bouza participou este domingo na concentración convocada entre Cabanas e Pontedeume polas persoas propietarias das Fragas do Eume para reclamar á Xunta de Galicia que atenda ás súas demandas.
En declaracións remitidas aos medios, lembrou que o Grupo Socialista xa trasladou esta cuestión ao Parlamento de Galicia e que continuará facéndoo ante o que cualificou como un "silencio" do Goberno galego. Esta mesma semana, na comisión parlamentaria na que a conselleira de Medio Ambiente presentou as liñas orzamentarias do seu departamento, o PSdeG instou á responsable autonómica a recibir a este grupo de cidadáns. "Requirímoslle e esixímoslle á conselleira que recibise ás propietarias e aos propietarios das Fragas do Eume, pero non contestou; nin na primeira intervención nin na segunda", criticou.
Bouza considera que a Xunta non só debe escoitar as súas demandas, senón tamén "acometer o plan e a calendarización que están a solicitar". Esta foi a mensaxe que, precisamente, trasladou na súa intervención na comisión parlamentaria como portavoz de Medio Ambiente do PSdeG.
Escribe tu comentario