Expourense celebra esta fin de semana o 16º Salón do Automóbil – Vehículo de Ocasión (24, 25 e 26 de outubro) con optimismo despois dos bos resultados de público e vendas da fin de semana anterior no que se rexistraron máis de 5.000 visitas e un total de 121 coches novos vendidos.
Trátase dunha cita coorganizada entre Expourense e a Asociación de Concesionarios de Automóbiles de Ourense, ACAUTO, coa colaboración da Deputación provincial de Ourense, na que participan 15 expositores presentan unha ampla mostra de vehículos coas mellores vantaxes de 27 marcas.
O presidente de ACAUTO, César Fernández, explicou esta mañá que este é o “momento perfecto para comprar un coche de ocasión porque as marcas pechamos o ano e necesitamos liberar o estocaxe de coches de ocasión que temos nas nosas instalacións. O mercado de ocasión é a opción máis buscada polos compradores. Os novos teñen agora mesmo un prezo elevado e quen necesite cambiar de coche quere rapidez e facilidades. O coche de ocasión é a opción perfecta: entrega inmediata e todas as garantías a menor prezo".
ZONA DE BAIXAS EMISIÓNS (ZBE) EN OURENSE
Ourense vivirá a entrada en vigor nun par de meses do centro histórico da coñecida como “Zona de Baixas Emisións (ZBE)” que prohibirá o acceso a vehículos sen etiqueta ambiental, de gasolina matriculados antes de 2000, e de diésel matriculados antes de 2006. Desde ACAUTO lembran que "ante este cambio recomendamos a aqueles que teñan un coche de máis de 15 anos que é hora de cambiar, por seguridade e por sustentabilidade e agora tamén por practicidad. Os eléctricos e híbridos chegaron xa ao mercado de ocasión, pero o diésel e gasolina seguen sendo a opción máis buscada”.
Facendo un percorrido polo salón pode atoparse desde un Dacia Sandero con 100.000 quilómetros de 7.900 euros ata un Mercedes GLC Coupé hibrido enchufable quilómetro cero por 69.500 euros. Con todo, é a partir dos 16.000 euros cando a gama para elixir vehículo nesta cita amplíase considerablemente, aínda que poden atoparse coches de menos prezo.
RECOMENDACIÓNS NA COMPRA DUN VEHÍCULO DE OCASIÓN
Polo que respecta á compra dun vehículo de ocasión, desde A.C.A.U.T.O. recomendan acudir sempre a profesionais porque estes ofrecen unhas garantías inexistentes nas transaccións entre particulares xa que, por lei, hai que ofrecer un ano de garantía total, sendo moitas as empresas que estenden esta garantía ata dous anos ou máis, no caso dos seminovos (de 0 a 3 anos).
As garantías ofrecidas aos coches comprados neste salón son moi similares ás dos coches novos, xa que “as marcas están a traballar para profesionalizar o mercado de ocasión e case todas teñen a súa propia división de vehículos de ocasión e a transparencia que hai na actualidade na venda de ocasión non a houbo nunca”, explican.
PREMIOS PARA DINAMIZAR AS VENDAS E DONATIVOS A CÁRITAS
Para axilizar o proceso de decisión, a organización volverá sortear, entre aqueles que pechen a compra dun automóbil durante esta fin de semana, un bono desconto por importe de 6.000 euros a descontar do prezo do vehículo adquirido e que supón o maior desconto realizado en feiras deste tipo en Galicia. Este importe será achegado entre ACAUTO e Expourense.
Os coches que ACAUTO venda neste salón de ocasión tamén están incluídos na achega que se fará a Cáritas por cada unidade vendida.
O horario do 16º Salón do Automóbil de Ocasión será mañá sábado de 10.00 a 20.30 h., e o domingo 11.00 a 20.00 h. O prezo da entrada é de 3 euros (menores de ata 12 anos gratis). Esta cita conta ademais con servizo de Ludoteca Infantil gratuíta.
Escribe tu comentario