Un recinto de máis de 16 hectáreas en Vilar de Barrio revela a primeira muralla da Idade do Bronce no noroeste grazas ao LiDAR, o OSL e o C-14.
O Castelo de San Xoán de Bara, en Vilar de Barrio (Ourense), leva anos etiquetado pola tradición local e pola documentación medieval como un castelo. A investigación arqueolóxica recente demostra, porén, que o enclave agocha unha historia moito máis longa e complexa, con ocupacións superpostas dende a Idade do Bronce ata o mundo galaico-romano, e unha fase medieval aínda sen localización material precisa. O xacemento abrangue un gran recinto entre 16 e 17 hectáreas —con sectores que, segundo os primeiros levantamentos por teledetección, poderían superar as 20 hectáreas— e sitúase nun nó de comunicacións que artella os vales do Támega, Arnoia e Limia, un punto estratéxico en calquera cronoloxía. A arqueóloga Rebeca Blanco-Rotea / Cedida O sinal de partida chegou a través da teledetección. A arqueóloga Rebeca Blanco-Rotea realizaba un estudo LiDAR para revisar o sistema de torres e fortificacións de fronteira cando apareceu unha anomalía topográfica que debuxaba unha liña de muralla e pechaba un amplo recinto. O especialista João Fonte, aqueólogo especialista en técnicas de teledetección, lembra que o que lles chamou verdadeiramente a atención "foi unha liña de muralla, nalgúns treitos ata dupla, que delimitaba todo este recinto". A partir de aí completouse un mapeo detallado das formas do terreo. O traballo de campo deu comezo en 2021, impulsado polo Concello de Vilar de Barrio en colaboración coa Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia. Martiño X. Vázquez, director das escavacións, resume o arranque con 14 sondaxes e uns 300 m² escavados distribuídos polo recinto, combinando prospección, novos levantamentos LIDAR de detalle, xeorradar e datacións. Unha muralla do Bronce e un poboado de longhouses As datacións por radiocarbono e luminiscencia ópticamente estimulada (OSL), financiadas pola Fundación Palarq e analizadas polo xeólogo Jorge Sanjurjo Sánchez, mudaron o guión: "Temos unhas 6-7 datacións que están dando a Idade do Bronce… Isto non pode ser unha casualidade". O balado exterior do recinto —ese trazado que o LiDAR debuxara— constrúese na Idade do Bronce, converténdose, segundo o equipo, na primeira muralla deste período coñecida no noroeste da Península Ibérica. Para Rebeca Blanco-Rotea, a conclusión abre un campo interpretativo novo: "sabemos que ese segundo recinto é da Idade do Bronce, o que abre moitísimas posibilidades… a lóxica territorial que se ve nas torres e 'castelos' podería ter raíces no que pasa aquí no Bronce". O arqueólogo Martiño Xosé Vázquez / Cedida No interior, buratos de poste e plantas de cabanas alongadas (longhouses) describen un poboado do Bronce asociado a ese cercado. Esta paisaxe doméstica e defensiva sitúa Vilar de Barrio en sintonía co Mediterráneo para estas cronoloxías, pero é anómalo no ámbito atlántico galego, onde non se coñecían recintos fortificados do Bronce desta escala. Sobre o escenario do Bronce xorde despois un castro de gran tamaño, "un castro diferente", na linguaxe prudente do equipo, polo peso do material e a entidade arquitectónica que se está a observar. O sector do Burato dos Mouros, escollido para musealización e visita pública, devolveu unha rúa empedrada con drenaxes laterais que conduce a unha praza, ademais de estancias dispostas con criterios de ordenación. Para Martiño X. Vázquez, o urbanismo que se revela non é orgánico nin propio dun crecemento aldeán, senón deseñado e executado de vez. "Hai rúas en escada, sistemas de evacuación de augas e acceso ás construcións dende a propia muralla. Todo apunta a un proto-urbanismo ordenado". O criterio técnico que organiza o conxunto semella romano, mais a obra material amosa técnicas indíxenas: un encaixe coherente co mundo galaico-romano de cambio de era. A cultura material confirma a pegada militar romana temperá (século I a.C.–I d.C.): ánforas en densidades inusuais no interior, caligae (sandalias militares) e puntas de frecha. Vázquez indica que "as ánforas béticas acompañan ao exército, non veñen para o consumo castrexo". A hipótese de coexistencia entre militares romanos e poboación indíxena no mesmo espazo gaña peso a medida que avanzan os traballos. O abandono do sector escavado chega cedo en época imperial (mediados-finais do século I d.C.), cando o paradigma romano vira da ocupación e control á administración do territorio, coa emerxencia de cidades como Ourense, Chaves ou Xinzo e a artellaxe viaria. O enigma medieval: un castelo documentado e aínda por atopar Malia o topónimo e da tradición, a arquitectura medieval non apareceu ata o de agora. A documentación estudada polo medievalista Víctor Rodríguez Muñiz, é clara: "A partir de 1172 temos a existencia do castelo, baixo autoridade dun tenente, e sabemos que aínda existe a comezos do XIII; é un dos castelos que o rei Afonso IX emprega para dotar ás súas fillas dona Sancha e dona Dulce". O contexto político, unha fronteira dinámica durante a independencia de Portugal e o control da Lagoa de Antela, avala unha función defensiva e fiscalizadora en rede coas torres de Porqueira e o Castelo da Pena. Localizar esa fase material é un dos grandes obxectivos inmediatos. O equipo cre coñecer posibles áreas, pero a dimensión do sitio (máis de 16 hectáreas) e a cobertura vexetal complican o xeorradar e alongan os tempos de verificación. Pola súa banda, o Burato dos Mouros —unha cavidade antrópica— interpretouse ao principio como alxibe. A lectura co LiDAR identificou pequenos nichos internos que poderían ser lucernarios, o que encaixaría cunha galería de prospección mineira romana. Se se confirma, ligaría o urbanismo do sector e o volumen anfórico coa explotación de recursos na contorna da serra de San Mamede e o val de Maceda, un territorio mineiro destacado segundo subliña o equipo de escavación. Visita pública ao espazo En paralelo á investigación, o Concello de Vilar de Barrio abriu un itinerario interpretativo con paneis e sinalización —creación gráfica de Miguel Robledo— que permite percorrer o recinto, incluído o acceso ao sector musealizado do Burato dos Mouros. O panel de benvida presenta o enclave como "a fortaleza de maiores dimensións da Limia", unha mensaxe turística que o equipo matiza co avance científico: muralla do Bronce, castro de gran entidade e fase romana de control territorial.
Escribe tu comentario