A senadora do BNG, Carme da Silva, instou ao Goberno central a completar "canto antes" a tramitación do expediente e a facer públicas as conclusións da instrución ante o baleirado da presa de Chás, no concello ourensán de Oímbra, para que se poden "depurar responsabilidades".
Así, da Silva rexistrou novas iniciativas tras coñecer a resposta do Goberno do Estado "afirmando que o baleirado da presa de Chás realizouse sen autorización expresa da Confederación Hidrográfica do Douro".
"O propio Goberno recoñece que o tremendo baleirado fíxose sen autorización e que se abrirá un procedemento sancionador. Agora o que fai falta é que ese proceso non quede nun mero trámite burocrático. Hai que depurar responsabilidades e garantir que un feito tan grave non se repita", reclamou a senadora nacionalista.
Neste sentido, lembrou que o baleirado desta presa tivo un "forte impacto" ambiental e social, "causando a morte de miles peixes, danos na flora e alteración no abastecemento de auga, ademais de dificultar as tarefas de extinción de incendios en pleno mes de agosto".
"Foi unha actuación irresponsable, realizada sen control nin transparencia, e con consecuencias moi graves para o territorio. O Goberno debe actuar con firmeza e sentar precedente, sancionando e obrigando á empresa a reparar o dano causado", indicou a senadora.
Escribe tu comentario