O fillo do ex barón provincial do PP en Lugo que manda moito en Ourense

|

Francisco Cacharro Gosende volve estar no centro da diana política. O fillo do ex presidente provincial de Lugo e barón do PPdeG, Francisco Cacharro Pardo, manda, e moito, pero noutra provincia, na de Ourense.

A súa foi unha meteórica carreira en postos da administración provincial, primeiro, e logo local. Licenciado en Dereito pola Universidade Autónoma de Madrid, en 1998 aprobou oposicións a funcionario do Estado e, ao mesmo tempo, tamén as de técnico da Deputación de Ourense, con Jose Luis Baltar, pai de José Manuel Baltar, como presidente da institución. Probas que foron anluadas posteriormente logo dunhas reclamacións.

Con todo, e en virtude da súa cualificación como funcionario do estado, accedeu á praza de vicesecretario xeral da Deputación de Ourense en 2003, curiosamente, unha praza de nova creación. En 2004 tomou posesión da secretaría xeral logo da xubilación do anterior titular. E aí estivo ata 2020, cando foi chamado por Gonzalo Pérez Jácome para cubrir o posto de "city manager" do consistorio e levar toda a coordinación xeral do ente municipal. Converteuse, de facto, no número dous do Concello de Ourense, o home forte de Jácome na sombra.

HOME DE POLÉMICAS

Este posto, que suscitou numerosas críticas dos grupos da oposición, conta cun salario non inferior aos 86.000 euros anuais. Por iso, non son poucas as polémicas nas que aparece o seu nome. A última, a do contrato de auga con Viaqua que este luns foi motivo de duras críticas por parte do BNG tras aprobarse un modificativo de crédito de 24 millóns para actualizalo.

O portavoz nacionalista Luís Seara mencionou un informe desfavorable do Consello Consultivo de Galicia que informaba dunha "grave irregularidade en materia de contratación administrativa", apuntando a Cacharro por "non telo en conta". Ante iso, o 'city manager' solicitou a palabra para argumentar que si o valorou. "É unha vergoña, se se sente aludido que se presente ás próximas eleccións", dixo indignado Seara á súa saída da sala de plenos, sorprendido e enfadado polo protagonismo dun responsable municipal sen cargos políticos.

Non é a primeira polémica de Cacharro, que xa tivo que declarar en procedementos xudiciais polos contratos a dedo de José Luís Baltar, avalados con sendos informes polo 'city manager' de Jácome.

NEXO DE UNIÓN ENTRE PPdeG E JÁCOME

E a pesar do seu pasado, e do seu presente, é un valor en alza no PPdeG e Democracia Ourensena. Hai quen di que é o "nexo de unión" entre os populares e Jácome para evitar rupturas de pactos na deputación e no Concello de Ourense. De feito, o actual presidente provincial, Luis Menor, co apoio de Jácome, mantén a creación da praza de responsable da área da asesoría xurídica de atención aos concellos, cuxo posto de director é de libre designación e que Menor xa anunciou que será para Francisco Cacharro.

Moita carreira na política local e provincial para un home que abandonou o Partido Popular en 2008 para afiliarse a UPyD, formación da que se converteu nun dos rostros visibles na provincia de Lugo. Unha aventura que duraría uns meses. Despois de deixar a formación de Rosa Díez, ingresaría no Partido de la Libertad Individual (P-Lib), do que foi elixido secretario xeral en 2010. Outra aventura de pouco percorrido que o levaría, novamente, ao posto de saída, a vincularse ao PPdeG.

Sin comentarios

Escribe tu comentario




No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.