Pontón denuncia a "moratoria fake" de Rueda co eucalipto e di que a Xunta defende os interesas das macrocelulosas

|

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, pediu unha moratoria "real e indefinida" que deteña a "expansión" do eucalipto en Galicia fronte ao que cualificou como "moratoria fake" da Xunta. Así o sinalou este xoves en Lugo, onde detallou que, para iso o BNG presentará emendas á Lei de Acompañamento dos Orzamentos da Xunta para 2026.

Pontón, que realizou este anuncio tras manter unha reunión coa dirección da Escola Politécnica Superior de Lugo, acusou ao Executivo galego de "defender os intereses das pasteiras e as macrocelulosas como Ence, Navigator Altri". Durante o encontro, a líder do BNG compartiu as propostas incluídas no plan do BNG "Da Cinza á Vida", orientado a recuperar o territorio tras os incendios que este verán arrasaron toda Galicia, con especial virulencia na provincia de Ourense e o sur de Lugo.

Pontón insistiu en que é urxente aplicar unha moratoria indefinida ao eucalipto, lembrando que Galicia xa conta actualmente con case o dobre de superficie desta especie da que se prevía para o ano 2032. "Non ten sentido que, en plena crise climática, cando os incendios son cada vez máis destrutivos, o Goberno do PP siga apostando por aumentar a eucaliptización do territorio", afirmou.

PLAN DE COMPENSACIÓN POLAS PRAGAS NOS PIÑEIRAIS

Ademais, a portavoz nacional do BNG adiantou que o seu grupo presentará unha emenda aos Orzamentos da Xunta para crear un plan de compensación dotado con cinco millóns de euros, destinado aos propietarios de plantacións de piñeiro afectadas por pragas, especialmente a banda marrón, que está a causar danos importantes no monte galego. "É necesario compensar aos afectados polas súas perdas, fomentar tratamentos preventivos e de erradicación, e impulsar a investigación para identificar especies máis resistentes", explicou Pontón.

AXUDAS POLOS INCENDIOS

Ana Pontón tamén se referiu a as axudas que o Goberno galego destina aos afectados polos incendios forestais e que levantaron críticas nalgúns sectores. "Xa dixemos no seu momento que estas axudas nos parecían insuficientes e non ían cubrir a totalidade das perdas, provocando un maior abandono do medio rural", explicou Pontón. Tamén se "lamentou" de que o Goberno galego non aceptase algunhas das propostas realizadas polo grupo, como garantir que se vaia a cubrir o lucro cesante ou unha axuda de 6.000 euros para autónomos "que lles permita enfrontarse ao seu futuro".

CRÍTICAS REGO

Por outra banda, o BNG cualificou ao Partido Socialista de "hipócrita" por negar a Galicia o traspaso da titularidade da AP-9 e esixiulle que rectifique e retire as emendas á lei que tramita o Congreso.

Así o trasladou nun comunicado remitido aos medios o deputado na Cámara baixa, Néstor Rego, despois de que transcendese que o Partido Socialista expón nas emendas transferir á Comunidade Autónoma de Galicia competencias relacionadas coa xestión da Autoestrada do Atlántico, a AP-9, pero non a titularidade da infraestrutura.

Sin comentarios

Escribe tu comentario




No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.