A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, denunciou este xoves en Lugo que a Xunta de Galicia segue sen aplicar a ampliación do programa de detección precoz do cancro de mama a mulleres de entre 45 e 50 anos, unha medida que o presidente Alfonso Rueda anunciara fai tres anos. Pontón fixo estas declaracións tras a reunión que mantivo coa dirección da Escola Politécnica Superior de Lugo para falar sobre medidas contra os incendios forestais.
A líder nacionalista reclamou explicacións ao presidente galego polo que considera un incumprimento "flagrante" en materia de saúde pública. "Hai tres anos comprometeuse a ampliar o programa de cribado do cancro de mama, pero as mulleres galegas de entre 45 e 50 anos seguen sen ser chamadas", dixo.
Pontón esixiu ademais que o Executivo autonómico faga públicos os datos reais dos cribados realizados en Galicia. "Que ten que ocultar o Partido Popular?", preguntouse, antes de anunciar que o BNG solicitará formalmente no Parlamento galego que se entregue esa información de "maneira inmediata".
A dirixente do Bloque subliñou que a prevención do cancro de mama "non pode converterse nun slogan propagandístico nin nunha ferramenta de estratexia partidista", e reprochou a Rueda que utilice "a saúde das mulleres galegas como un instrumento político".
"Coa saúde das galegas non se xoga -advertiu-. Non se pode prometer algo tan serio só para obter rédito electoral e despois gardalo nun caixón". Pontón pechou a súa intervención reclamando transparencia, planificación e compromiso real coa sanidade pública, lembrando que a detección precoz salva vidas.
Escribe tu comentario