O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, restou importancia este xoves á diferenza entre o posicionamento do PSOE no Congreso sobre a transferencia da autoestrada AP-9 (defendendo só o traspaso da xestión, pero non da titularidade) e o acordo adoptado por unanimidade polo Parlamento galego, pedindo a transferencia total, e sinalou que o cambio se xustifica porque "o panorama cambiou" coa implementación de importantes bonificacións nas peaxes.
En todo caso, insistiu en que "hoxe o importante non é a tramitación da transferencia" senón que se liberen as peaxes. "O prioritario é a gratuidade (...), o camiño da gratuidade está aí", remarcou, tras lembrar as importantes rebaixas implementadas nas peaxes polo Goberno de Pedro Sánchez. Así o trasladou, en resposta a preguntas dos medios en Vigo, onde compareceu para valorar os orzamentos da Xunta para 2026, e matizou que "ás veces se confunden termos non idénticos", en alusión a que non debe identificarse necesariamente transferencia das competencias con transferencia da titularidade.
"Cando pedimos a transferencia fixemos fincapé en que a xestión desde o territorio sería máis eficaz", defendeu, e engadiu que, en todo caso, "pasado o tempo, houbo un forte incremento das bonificacións das peaxes", o que modificou o escenario. "Temos a gratuidade case aí, pero pago de peaxes e transferencias van ser vasos comunicantes, porque unha vez traspasada a titularidade de forma total, do mantemento da infraestrutura debíase facer cargo a Comunidade Autónoma", engadiu.
Igualmente, lembrou que a legalidade da prórroga da concesión da autoestrada está en cuestión, cun expediente aberto pola Comisión Europea. "Por tanto, a día de hoxe, o verdadeiramente importante e o que lle interesa aos galegos non é a tramitación parlamentaria da transferencia, senón a gratuidade real desas peaxes, e iso é no que os socialistas estamos a traballar", remarcou.
A XUNTA CARGA CONTRA BESTEIRO
Ante isto, o conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, cargou contra o líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro. En declaracións aos medios, Calvo constatou unha "enorme decepción" polo feito de que "unha vez máis" o PSOE "non escoite unha petición unánime do Parlamento galego". "Despois de tela retida ou bloqueada durante case 500 días, decatámonos de que só quere facer algo que desde logo non é o que pedimos os tres grupos políticos", queixouse.
A continuación, lamentou que "o presidente do clube de fans de Pedro Sánchez, o señor Besteiro, teña tan pouco peso dentro do seu partido". "Como lle dicimos en moitas ocasións, ser o presidente do mellor clube de fans de toda España non leva ningún tipo de trato de favor", ironizou. Así as cousas, insistiu en que a Xunta desexaría que o PSOE e o Goberno, con Sánchez á fronte, "recapacitasen" ao longo da tramitación desta lei e que, igual que "se liberalizan ou rescatan outras autoestradas en toda España, aproveitando o proceso na que está metida a AP-9 (en Europa) se fixese ese rescate e a titularidade pasase á Xunta". Calvo insistiu en que esta "oportunidade" está sobre a mesa, aínda que non se mostrou moi optimista con que o PSOE reoriente a súa postura.
"EN DIRECCIÓN CONTRARIA" AOS GALEGOS E GALEGAS
Sobre as emendas do PSOE á lei da AP-9 manifestouse tamén este xoves a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, quen recalcou que os populares toman "medidas" en defensa do interese xeral, mentres "outros seguen boicoteando" á comunidade e "deixan claro que van en dirección contraria" dos galegos. "Tras catro propostas aprobadas por unanimidade vemos como o PSOE di unha cousa en Galicia e outra en Madrid. Tamén vemos que o BNG non pinta nada en Madrid, que non lle fan caso e que o seu servilismo non serve para nada en Galicia. Seguiremos pelexando por unha AP-9 libre de peaxes e cento por cento galega", resolveu.
Escribe tu comentario