A CIG intensificará as súas accións ante a falta de avances na negociación do convenio para residencias de maiores

|

As traballadoras de residencias de maiores e centros de día da comarca de Ferrol, convocadas polo sindicato CIG, concentráronse na mañá deste xoves ante o edificio da Xunta, na praza de España, para elevar a presión ante o bloqueo na negociación do convenio colectivo, do que culpan á patronal coa "complicidade" da Consellería de Política Social e a súa máxima responsable, a conselleira Fabiola García

A mobilización, que reuniu a un centenar de persoas e coincidiu cunha nova xornada de folga, estivo marcada polas críticas directas á integrante do Goberno da Xunta, a quen o sindicato acusa de non involucrarse na resolución do conflito.

Beatriz Fernández, responsable do sector das residencias de maiores da CIG na comarca de Ferrol, trasladou que o sindicato entregou unha carta dirixida á conselleira. Fernández criticou que García senta "ofendida e acosada polas mulleres de CIG", mentres o conflito segue sen resolverse.

"Decidimos concentrarnos ante a Xunta porque imos entregar unha carta dirixida á señora conselleira de Política Social, Fabiola García," declarou Fernández, quen insistiu na responsabilidade da administración autonómica.

CONFLITO E RESPONSABILIDADE

Así, detallou que "Fabiola García é a máxima responsable dos sectores de residencias e os coidados en Galicia" e que por iso, "que nos diga que este conflito non ten que ver con ela, sabendo que as nosas condicións están a afectar ás condicións dos usuarios, non nos parece moi lóxico tampouco."

A representante sindical confirmou que, aínda que a Consellería de Política Social e a de Traballo ofreceron unha reunión, "fáltanos outra pata" para avanzar no diálogo.

Ante a situación actual, onde as negociacións coa patronal están "totalmente bloqueadas, pechadas e non hai ningún tipo de avance", a CIG anunciou unha escalada nas mobilizacións. "Imos seguir e imos incrementar os actos. Temos moi claro que nos imos a seguir facendo ouvir, facendo ver e iremos onde tiñamos que ir," sentenciou Fernández.

A CIG salientou a dimensión do conflito na comarca de Ferrol, que afecta a unha gran maioría de mulleres, xa que segundo trasladou, "poden ser afectadas entre 3.500 e 4.000 persoas, é moito e somos todas mulleres".

Sin comentarios

Escribe tu comentario




No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.