O BNG aplaude incluír o respecto aos dereitos lingüísticos no proxecto de lei de atención ao cliente

|

O BNG celebrou que se incorpore ao proxecto de lei de atención ao cliente o respecto aos dereitos lingüísticos das persoas usuarias e consumidoras, a accesibilidade e unha mellor atención aos máis vulnerables, tras un acordo coas forzas políticas que compoñen o Goberno central.

Así, o deputado Néstor Rego valorou positivamente as achegas do Bloque incorporadas ao texto lexislativo, xa que, destacou, "permítese avanzar cara a un modelo de atención máis humano, accesible e adaptado á realidade das persoas consumidoras".

Deste xeito, o texto recolle as obrigacións das empresas de atender e responder as consultas, queixas, reclamacións e incidencias no mesmo idioma en que se fixo a comunicación inicial.

"Recoñécense por lei os dereitos lingüísticos das persoas consumidoras e usuarias que falen linguas oficiais diferentes do castelán, como é o caso do galego, garantindo que a atención poida prestarse nesa mesma lingua oficial", subliñou.

Así mesmo, o parlamentario nacionalista tamén destacou que as empresas deberán asegurar que os servizos de atención ao cliente dispoñan dos medios humanos, técnicos e organizativos necesarios para garantir o uso das linguas oficiais do Estado, "sexa cal fose o modo en que se preste o servizo".

PERSOAL CON FORMACIÓN ESPECÍFICA

Nesta mesma liña, Rego reivindicou que a lei recollerá que o persoal encargado da atención ao cliente terá que contar con formación específica previa nos idiomas oficiais.

Para o deputado do Bloque no Congreso, estas melloras supoñen "un avance substancial na defensa dos dereitos lingüísticos, da igualdade e da accesibilidade", incorporando á lexislación estatal "principios que recoñecen a diversidade lingüística e a protección das persoas consumidoras".

Neste sentido, sinalou que estas modificacións "garanten que a cidadanía galega poida exercer os seus dereitos lingüísticos nas relacións de consumo, sen ser discriminada pola lingua e avanzan cara a un modelo de atención máis humano, accesible e respectuoso".

Con todo, os nacionalistas aseguraron que "aínda queda moito por negociar e mellorar" neste proxecto de lei e manifestaron que manteñen a cautela á hora de decidir o voto final.

Sin comentarios

Escribe tu comentario




No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.