A Garda Civil do Grove detivo a un home, de 40 anos, e á súa irmá, de 43 anos, como autor e coautora dun suposto delito de roubo con violencia, no que a vítima era un coñecido dela. Ademais, a el atribúenselle tamén lesións graves por agresión, ameazas graves con armas de aire comprimido e apropiación indebida de vehículo. Actualmente, ambos están en liberdade con cargos.
O pasado 13 de outubro, axentes do Instituo Armado acudiron ao centro de saúde da localidade debido a que un mozo fora vítima dunha agresión, motivo polo que interpuxo denuncia por ser ameazado e agredido por un home, ademais de subtraerlle o vehículo. A vítima acudira á vivenda dunha coñecida, convidado por esta, e, ao chegar, o irmán dela agrediuno brutalmente sen mediar palabra, segundo describe a Garda Civil. Á súa vez, ameazouno cunha arma e pediulle que fosen a un caixeiro e lle dera todo o diñeiro que tiña; mentres, a muller aproveitou para subtraerlle o diñeiro que portaba na súa carteira.
O agresor utilizou o vehículo da vítima para desprazarse ambos ata o caixeiro, momento no que o denunciante tentou fuxir e foi interceptado novamente polo home. Nese momento, tirouno ao chan e deulle diversas patadas e puñadas en todo o corpo. Malferido, a vítima conseguiu levantarse e escapar, deixando alí o seu vehículo e as chaves que tiña o seu agresor.
Por mor do descrito, a Garda Civil do posto do Grove iniciou unha investigación e, tras as diversas pescudas, identificaron os irmáns, ambos con antecedentes policiais. Desta forma, procederon á súa detención o pasado martes, 21 de outubro. A muller foi posta en liberdade en dependencias xudiciais e o seu irmán, xunto coas dilixencias, foi posto a diposición xudicial no Xulgado de garda de Cambados, que este mércores decretou liberdade con cargos para ambos.
Escribe tu comentario