O TSXG anula o despedimento dunha traballadora dun piso de menores tras a violación dunha menor

|

O TSXG declarou improcedente o despedimento dunha auxiliar técnica educativa encargada, durante a noite do 14 ao 15 de marzo de 2024, do coidado dos menores que residían nun piso xestionado pola asociación na que traballaba. Durante a súa quenda, unha das menores manifestou ser violada por un compañeiro mentres estaba durmida.

A Sala do Social decretou a readmisión da traballadora, co pago dos salarios non percibidos, ou ben a extinción da relación laboral con abono dunha indemnización de 10.454 euros. A asociación demandada, con sede en Vigo, coordina e dirixe casas de familia nas que se atende a menores desamparados, cuxo coidado, vixilancia e educación encoméndalle a Xunta.

"A circunstancia de que non comprobase quen estaba en cada habitación sobre as 23:30 horas non entendemos que poida cualificarse de neglixencia grave", conclúen os maxistrados na sentenza. Nela, o TSXG advirte de que non é esixible a unha traballadora "que se atopa soa nunha casa con seis menores e un bebe ao seu cargo" que, ademais das tarefas propias de levar unha casa e das administrativas, "estea vixiante todo o tempo, pois é unha tarefa ímproba, que ademais non é seguro que evitase o evento danoso".

Os xuíces lembran no fallo que "non todo incumprimento do contrato por parte do traballador é causa de despedimento, senón que a resolución unilateral do contrato só pode operar como reacción a un incumprimento cualificado, ou, como se deduce do artigo 54 do Estatuto dos Traballadores, de incumprimento contractual grave e culpable".

Nese sentido, de conformidade co alegado pola recorrente, consideran que a conduta que consta probada non constitúe unha falta moi grave. Así, descartan que actuase "con fraude ou imprudencia" ou que desobedecese " no cumprimento das funcións encomendadas de forma grave". A iso, engaden que tampouco "concorre unha indisciplina, desobediencia ou neglixencia evidenciada de forma moi grave".

Sin comentarios

Escribe tu comentario




No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.