A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, defende que "non se vai ampliar" a superficie de eucaliptos coa flexibilización da moratoria de novas plantacións, que "non só segue vixente", senón que "se amplía" ata 2030.
Así o expuxo en resposta a unha interpelación no Parlamento de Montserrat Valcárcel (BNG), na cal alertou da "pseudomoratoria" provocará unha "avalancha" de eucalipto na provincia de Lugo e a zona de Ordes, "impulsada por Ence, Altri e Navigator", que "aseguran así a materia prima para as súas fábricas".
A deputada nacionalista advirte de que "supón na práctica a apertura a plantación masiva" de eucalipto nitens en "amplas zonas" da montaña de Lugo, Terra Chá e ao norte de Ordes, "áreas agora libres" desta especie, o que "só vai agravar" o perigo de incendio. Sinala que será para substituír plantacións "pouco rendibles" no sur de Pontevedra por motivos do cambio climático.
E é que "lonxe de responder o interese xeral", asegura que esta expansión "sen precedentes do monocultivo de eucalipto" farase en zonas pouco explotadas por "necesidades" de grandes compañías. Sinala que ata o 17% da produción galega é exportada á industria pasteira portuguesa, entre o que citou a empresas como Navigator.
Valcárcel cuestiona como se vai a conseguir reducir o ecualipto se "falla o control efectivo" e "sae máis barato pagar a multa que arrincar os eucaliptos". Tacha de "ridículos" os 1.100 expedientes sancionadores dos que informou a pasada semana a conselleira "con todo o ilegal que hai".
Expón que durante a moratoria creceron os eucaliptos en máis de 6.000 hectáreas entre 2022 e 2023, ata máis de 419.000. Acusa á Xunta de "ocultar" os datos do inventario forestal de 2024, que, "segundo algúns cálculos", supera as 430.000 hectáreas.
Censura que "en moitas zonas agora mesmo están a legalizar as plantacións ilegais con "instrumentos a medida, modificacións urbanísticas e catálogos parciais". Tamén se queixa que a Xunta deixa "sen apoio real" aos piñeirais, "incentivando a súa substitución por eucalipto".
DEFENSA DA XUNTA
Pola súa banda, a conselleira defende o "rigor técnico" desta moratoria e sostén que "o futuro do monte galego non pasa por prohibir sen máis", pois "o verdadeiro problema do monte é o abandono". Apunta a medidas como ofrecer unha alternativa "temporal e puntual" para os afectados pola banda marrón do piñeiro co fin de "frear o abandono deses terreos".
Asegura que se traballa "sen desviarse do obxectivo do plan forestal". Lembra que recolle un incremento do 3% no primeiro quinquenio, de 2021 a 2025, pero logo reducirase un 5% ata 2040, no que cualifica de "obxectivo alcanzable".
Incide a responsable de Medio Rural na necesidade de "actualizar con sensatez" a moratoria e "adaptala á realidade do sector". "Non se trata de dar marcha atrás", garante, senón "pasos firmes nunha mesma dirección".
Gómez tamén acusa o Bloque de "practicar a hipocrisía" porque votaron en contra da moratoria de eucalipto de 2021 e critica "relacionar unha especie cos incendios". Recrimina aos nacionalistas "demonizar" ao eucalipto e a pasteiras cando usan "unha cousa tan sinxela como un pano de papel". "Gustaríame saber a min de onde sae o pano de papel, porque de momento non nos soamos con follas de castiñeiro", concluíu.
Escribe tu comentario