A nova política de vivenda da Xunta: permitir edificar un 20% máis en chan urbano e aumento da vivenda protexida

|

A lei de medidas fiscais e administrativas que acompaña aos Orzamentos galegos para 2026 recolle novidades normativas tamén en materia de vivenda, entre elas un cambio para ampliar a porcentaxe de edificabilidade nas promocións de vivenda protexida.

En concreto, a lei de acompañamento introduce unha modificación do número 2 do artigo 41 da lei do chan na que se recolle que se incrementa nun 20% a edificabilidade nos terreos urbanos nos que polo menos o 60% da superficie total do sector destine á construción de vivendas protexidas.

O cambio normativo, do que tamén informaron fontes do Goberno galego tras unha sesión de control marcada polo debate sobre o acceso á vivenda, incide en que este aumento de edificabilidade estará permitido "con independencia das limitacións de edificabilidade que estableza o plan" urbanístico en cuestión.

Previamente, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e os líderes de BNG, Ana Pontón, e PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, discutiron ao redor das políticas de vivenda. Besteiro e Pontón criticaron con dureza á Xunta, censuraron a "baixa" execución orzamentaria en materia de vivenda e botaron en cara ao presidente "ocorrencias como a de comprar baixos que ninguén quere" para converter en vivendas destinadas a aluguer social.

Pola súa banda, Rueda proclamou que é unha "evidencia" que a vivenda é "un proxecto estrela" do seu Gobieno e reafirmouse nun compromiso que reiterou en numerosas ocasións desde a propia campaña electoral das últimas eleccións autonómicas: o de duplicar, ata alcanzar os 8.000 inmobles, o parque público de vivenda en Galicia.

DEFENSA DOS ORZAMENTOS

Para avanzar neste obxectivo, Rueda apuntou que serán claves os Orzamentos de 2026 e incidiu en que estas contas terán que suplir con fondos propios "a baixada" nos recursos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia e que incrementarán, entre outros, o investimento en I+D+i, no sistema de dependencia ou en Educación. Ademais, lembrou que case 800 millóns dedícanse a rebaixas fiscais e proclamou que "o 98,5% das rebaixas fiscais que ten a Xunta benefician ás rendas medias e baixas".

Sin comentarios

Escribe tu comentario




No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.