O secretario de Estado de Vivenda e Axenda Urbana, David Lucas Parrón, defendeu as políticas do Ministerio para facilitar o acceso a unha casa e avogou por aumentar unha oferta "alcanzable" no mercado inmobiliario e "garantir" axudas a aqueles que "máis necesidades teñen de acceso á vivenda como son os mozos e as persoas con dificultades económicas".
Fíxoo en declaracións aos medios no marco do III Foro Urbano de España que reúne este mércores e xoves a responsables municipais, representantes institucionais e expertos en políticas urbanas no Palacio de Exposicións e Congresos da Coruña (Palexco).
En canto a este encontro, Lucas destacou que é un "espazo de reflexión, de debate" que ten como obxectivo "buscar solucións eficaces e eficientes para garantir o dereito dunha vivenda digna". "Para intercambiar novas experiencias que nos fagan ser máis executivos para liquidar os problemas urbanos", expuxo.
Neste sentido, entre as solucións ante este reto tamén citou a implantación de medidas para "facer posible que o parque edificatorio existente teña a rehabilitación necesaria para eliminar bolsas de pobreza enerxética" así como "establecer mecanismos de colaboración e cooperación coas comunidades autónomas e con concellos". Do mesmo xeito, Lucas puxo en valor "a implementación da axenda urbana" e facer unha "transición xusta desde o punto de vista mediomeambiental, dixital e demográfico". "Conseguir que todos rememos na mesma dirección", resumiu.
MERCADO TENSIONADO
Na inauguración oficial do foro participou a alcaldesa herculina e vicepresidenta primeira da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), Inés Rey. Durante a súa intervención, puxo en valor a declaración de zona de mercado residencial tensionado na cidade e incidiu en que é posible "aprender doutras cidades e aplicar o que mellor pode servir".
A este respecto, o Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana, e coincidindo con este foro, volveu a defender as súas medidas e insistiu en que "se conseguiu un alivio no curto prazo para os inquilinos" como o feito de que "o seguinte contrato que se asine teña que estar referenciado ao anterior". "Parouse ese crecemento sostido no tempo", recalca sobre as declaracións de mercado tensionado. "Nalgunhas zonas de Barcelona os prezos baixaron un nove por cento", citou como exemplo.
Escribe tu comentario