Rueda presume de orzamentos e Besteiro denuncia a súa política de "zulos habitacionais"

|

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, defendeu este mércores que o seu Executivo, a diferenza do que dirixe Pedro Sánchez, ten presupostos cada ano "en tempo e forma", nunha sesión de control na que o líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, atacou a súa política fiscal e tamén a "torpe negativa" a aceptar a quita da débeda que propuña o Goberno estatal.

"A quen benefician realmente os orzamentos que presenta o seu Goberno para 2026?", preguntouse Besteiro, antes de incidir en que o propio conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, indicou que "son 115.000 os galegos que se beneficiarán das rebaixas fiscais", o que "equivale ao 4% dos galegos". "Máis que beneficios fiscais, parecen privilexios", advertiu.

Ao tempo, lembrou que Galicia pagará 1.858 millóns de euros "aos bancos, máis do que se investirá en toda a Atención Primaria ou en Política Social", antes de afirmar que "ninguén entende" o que ve "a torpe negativa" á quita da débeda.

E nun pleno moi centrado en vivenda, Besteiro puxo o foco con especial intensidade nesta cuestión. Así, ademais de incidir na execución "inadecuada" dos orzamentos, lamentou que os máis de 500 millóns destinados polo Goberno central e Europa á vivenda pública en Galicia "non se traducisen en obra real nin en rehabilitación efectiva". Pero tamén que a "gran novidade" que anuncia a Xunta para 2026 sexan "simples zulos habitacionais". En fronte, reivindicou o Banco Público de Aluguer que propón o PSdeG.

"NÓS TEMOS ORZAMENTOS E FACEMOS VIVENDAS"

Fronte ás críticas de Besteiro, Rueda defendeu que as medidas fiscais da Xunta, as do exercicio de 2026 e as que se acumulan de anos previos "benefician a rendas medias e baixas". Máis aló, aproveitou a sesión de control para cargar contra o Goberno de Sánchez. "Se nos diferenciamos en algo é que nós temos orzamentos e facemos vivendas", proclamou.

"Con iso xa tiña feita media pregunta falando cun socialista que di que non ter orzamentos é algo absolutamente normal, pero quero ir máis aló", esgrimiu, antes de recalcar que considera "unha bendición" que Besteiro "sexa o presidente do club de fans de Pedro Sánchez" para "responder a este tipo de cuestións".

A continuación, sacou peito por que, con maioría absoluta desde que o hoxe líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, recuperou a Xunta en 2009, a Xunta presentou "en tempo e forma" Orzamentos "por ano número 15 consecutivo" mentres que "o señor Sánchez non foi capaz". E resaltou que o que en España ou nas comunidades é "excepcional", a "estabilidade" do Goberno convérteo en "normal" en Galicia.

Rueda xustificou a súa alusión á política estatal co argumento de que "os orzamentos son un conxunto" e tamén acusou ao PSdeG de "enganar" sobre a quita da débeda ao asegurar que os recursos en cuestión poderíanse dedicar "a gasto en sanidade, educación ou o que se queira". "Píllase antes a un mentireiro que a un coxo", remarcou.

Sin comentarios

Escribe tu comentario




No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.