A Policía Nacional detivo este luns pola tarde a unha muller de 44 anos, en situación de indixencia e moi coñecida polas forzas de seguridade e os veciños do centro de Pontevedra, tras protagonizar unha violenta agresión a unha menor de idade na rúa Benito Corbal. A detida, que suma máis dunha decena de arrestos por episodios violentos, ingresou en prisión provisional por orde do xulgado de Pontevedra.
O suceso tivo lugar sobre as 18:00 horas, cando a muller, no medio dunha acalorada discusión cun home preto dun supermercado, abalanzouse sen previo aviso sobre unha moza de 15 anos que pasaba pola zona. Testemuñas relatan que, tras decatarse de que a menor a observaba, a agresora agarroulle do pescozo e o pelo, tirouna ao chan e arrastrouna pola vía pública durante polo menos dez metros.
Un axente da Policía Nacional que se atopaba fóra de servizo interveu de inmediato para reducila, recibindo o apoio de varios cidadáns que presenciaron a escena. Pouco despois, unha patrulla da Policía Local acudiu ao lugar, xa que a muller fora denunciada momentos antes por lanzar un lastro contra un coche, tras un altercado con outro viandante na rúa Cobián Roffignac.
A detida, que adoita deambular pola cidade ataviada con roupa escura e un turbante, protagonizou na última semana polo menos catro agresións violentas. Entre elas destaca o ataque a un home de 77 anos o pasado mércores na rúa Andrés Muruais, a quen derrubou e golpeou tras saír dun local de alimentación, e unha agresión a dous mozos na mesma zona comercial.
COMPORTAMENTO ERRÁTICO
A pesar do seu amplo historial delituoso, ata agora a muller quedara en liberdade tras cada detención, en calidade de investigada. Con todo, a gravidade dos feitos recentes motivou o seu ingreso inmediato no Centro penal da Lama. Ante a crecente preocupación cidadá por estes feitos, un grupo de veciños lanzou unha campaña en redes sociais para promover unha denuncia colectiva contra a agresora.
Fontes policiais confirman que moitos dos ataques perpetrados por esta muller non son denunciados, en parte polo desconcerto que xeran as súas accións, que ocorren de forma repentina e sen provocación aparente. Entre os episodios rexistrados figuran lapos, insultos, dentadas e ataques físicos a persoas coas que se cruza pola rúa.
A muller, de orixe brasileira e en situación de indixencia, exerceu ocasionalmente como aparcacoches na cidade. O seu comportamento errático e violento xerou unha crecente indignación social que, por primeira vez, conseguiu derivar nunha medida xudicial máis contundente. A investigación continúa aberta e non se descarta que se lle imputen novos delitos por outros ataques recentes.
Escribe tu comentario