A problemática no acceso á vivenda centrou a sesión de control ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, este mércores no hemiciclo do Parlamento galego, onde os seus rivais políticos urxíronlle pasos mentres lle afeaban "ocorrencias como a de comprar baixos" para aluguer social ou baixa execución. Ademais de garantir que cumprirá o seu compromiso de duplicar o parque público de vivenda neste mandato, ata os 8.000 inmobles, o xefe do Executivo replicou aos seus rivais que a "principal diferenza" entre uns e outros é que a Xunta, co PP á fronte, "ten orzamentos e fai vivenda". Pero tamén sacou o enfrontamento entre PSOE e Sumar no Goberno central á conta da actuación do Ministerio de Vivenda.
"O Goberno de España pon as pelexas no Ministerio de Vivenda e telefonistas para atender á xente porque vivendas non fai nin unha. Vostedes poñen as pancartas, efectivamente, que en mobilización son especialistas. En tensión e nada máis. E nós construímos casas", atacou á líder do BNG, Ana Pontón. Previamente, a dirixente nacionalista botáralle en cara que responda as necesidades de acceso á vivenda con "ocorrencias como a dos baixos" e, antes de preguntarlle se el viviría nun deses baixos comerciais transformado en vivenda, instoulle a aclarar se a Xunta planea esa medida "pensando nos propietarios" dos devanditos inmobles "que ninguén quere" ou no conxunto dos cidadáns.
Tanto Pontón, que deixou sobre a mesa unha batería con propostas do BNG na materia, como o líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reprobaron a "baixa" execución dos fondos reservados para vivenda, ao que Rueda replicou que "cando conclúa o prazo estarán cento por cento executados", ademais de argumentar que o gasto de fondos increméntase cando se acomete a construción. Tamén destacou que as "primeiras" vivendas que se van pór a disposición estarán no Concello de Pontevedra e aconsellou aos membros da oposición "lerse" as contas autonómicas e a lei de acompañamento que inclúen, subliñou, tras unha demanda de Pontón, que a Xunta, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), terá prioridade á hora de adquirir calquera piso de protección autonómica ou de promoción pública que sala ao mercado.
Escribe tu comentario