O TSXG confirma as penas para o clan de Carlos Silla, o narco que denunciara a este medio por publicar a súa foto

|

A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza da sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra que condena á organización de narcotraficantes, liderada por Carlos Silla, polo alixo de 3,2 toneladas de cocaína do veleiro 'Benirrás' que chegou á ría de Arousa en tres planadoras en marzo do ano 2020, en pleno confinamento pola pandemia da Covid-19.

Precisamente, este narcotraficante denunciou a Galicia Confidencial, primeiro nos xulgados de Vilagarcía de Arousa, e tras perder, na Audiencia Provincial, por intromisión ilexítima e vulneración no seu dereito á propia imaxe. E en segunda instancia taménvolveu perder. Pedíalle a este medio de comunicación 20.000 euros. Actualmente, Carlos Silla, está en Portugal cumprindo unha condena de 14 anos por tráfico de drogas, e pendente doutra condena de 15 anos en Galicia por delitos semellantes.

SENTENZA POLO BENIRRÁS

Na sentenza, a Audiencia Provincial condenou a 15 anos de prisión a Carlos Silla, ao consideralo xefe dunha organización dedicada ao tráfico de drogas e, agora, ratifícao. Así mesmo, o alto tribunal galego ratificou as penas de 10 anos e seis meses de cárcere para catro dos acusados; seis anos e tres meses para dous dos acusados, entre eles Antolín Fernández Pajuelo,; e para outro do procesados tres anos e catro meses de prisión.

Tamén, confirma as multas ás que foron condenados os investigados, que oscilan entre os 600 e os 90 millóns de euros a cada un, fóra da imposta ao líder da organización.

Neste caso, o TSXG estimou o recurso de apelación presentado pola defensa de Carlos Silla e rebaixa a multa de 720 a 360 millóns de euros. A Sala considera acreditado, do mesmo xeito que a Audiencia Provincial, que, durante o confinamento, de madrugada, os investigados transferiron a cocaína que levaban nun veleiro a dúas planadoras "para asegurarse a introdución da cocaína en terra". Con todo, foron interceptados por axentes policiais.

Durante a operación, bautizada como 'Lince' e que se desencadeou na madrugada do 27 de marzo de 2020, os axentes de incautaron dun cargamento de 3.200 quilogramos de cocaína, valorado en 127.154.358 euros. A Sala entende probado que os feitos descritos van máis aló de "un acordo conxuntural", polo que conclúe que os condenados combinaron "vontades" co obxectivo de "dedicarse unha e outra vez" ao tráfico de drogas. A sentenza non é firme, xa que se pode recorrer ante o Tribunal Supremo.

Sin comentarios

Escribe tu comentario




No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.