O 75 % do alumnado galego xa ten móbil, pero o 90 % di non sufrir acoso en redes sociais

|

En torno ao 75 % do alumnado galego de 5º e 6º de Primaria e da ESO dispón dun teléfono móbil e a maioría conéctase a Internet "practicamente a diario", segundo a V Enquisa de diagnóstico da convivencia 2025. Así o destacou este luns en declaracións a Europa Press o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez que, acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, debullou os resultados deste informe no Consello Galego para a Convivencia Escolar.

En concreto, Rodríguez explicou que, tras arrincar coa primeira enquisa en 2015, cos resultados de 2025 é a primeira vez que se dispón dunha "radiografía completa" da evolución da convivencia nas aulas no período dunha década. "A pesar de que os hábitos sociais e familiares cambiaron coa irrupción das novas tecnoloxías, constátase unha mellora do clima nas aulas segundo expresan tanto as familias como os docentes e os propios alumnos", sinalou en titular de Educación. En canto á metodoloxía coa que se desenvolveu esta enquisa, o conselleiro detallou que é unha metodoloxía censal e que se procesaron case 44 millóns de datos coa resposta de 150.000 persoas, entre as que se atopan familias, docentes e alumnos.

90 % ALUMNADO DI NON TER SUFRIDO CONDUTAS INTIMIDATORIAS

Neste contexto, subliñou tamén que unha parte da enquisa fai referencia ao marco da convivencia e outra parte aos hábitos sociais. Así, en torno ao 90 % do alumnado (91,6 % dos estudantes de 5º e 6º de Educación primaria, o 84,33 % dos de ESO e os 78,83 % dos de ensinos postobrigatorias) afirman que "nunca ou case nunca recibiu condutas intimidatorias por redes sociais". Pola súa banda, o 98,8 % das familias afirma que os seus fillos nunca ou case nunca sentiron ameazados, intimidados, insultados ou acosados a través de internet.

Así mesmo, o 76,09 % do profesorado manifesta que os conflitos relacionados co uso incorrecto dos dispositivos electrónicos ou da rede son feitos puntuais, tal e como destacou o conselleiro. No apartado concreto de hábitos sociais dos alumnos, o 46,51 % do alumnado de 5º e 6º de Primaria dispón de teléfono móbil, fronte ao 53,5 % que así o manifestaba hai dous anos. Na ESO esta porcentaxe elévase ao 88,65 % dos enquisados (dous puntos menos que o 90,65 % de 2023) e ao 90,73 % de alumnos de posobrigatoria (tamén dous puntos menos que o 92,52 % da última enquisa).

Por parte das familias sobre o uso da tecnoloxía dos seus fillos, o 85,3 % delas afirma que limita sempre ou case sempre o uso dos dispositivos electrónicos e a conexión á rede. E o 68,7 % do alumnado de ensino obrigatorio e o 78,79 % do ensino posobrigatorio manifesta que usa as redes sociais habitualmente. Con todo, o 79,6 % do alumnado de ensinos obrigatorios e o 64,69 % posobrigatorias afirma non entrar nunca ou case nunca en páxinas de contido pornográfico, tal e como debullou a Xunta nunha nota de prensa.

Sin comentarios

Escribe tu comentario




No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.