Unha muller foi trasladada ao Hospital de Montecelo por un incendio na cociña da súa casa no municipio pontevedrés de Poio, concretamente na Avenida da Barca. Segundo informou o 112, tivo constancia do suceso ás 22.40 horas deste luns, a través de chamada dun particular que alertaba de que ardía a cociña da súa veciña. Indicaba, ademais, que lograran sufocar as chamas cun extintor, pero que a muller necesitaba asistencia sanitaria. O servizo solicitou a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que se encargou do traslado da afectada. Tamén se informou aos Bombeiros de Ribadumia, ao GES de Sanxenxo, á Garda Civil e aos efectivos de Protección Civil de Poio.
Escribe tu comentario