A Xunta acelera os permisos mineiros e permite continuar explotacións mentres tramita prórrogas

|

A Lei de medidas fiscais e administrativas que acompaña aos orzamentos da Xunta para 2026 inclúe unha modificación na Lei 3/2008 de ordenación da minaría de Galicia para axilizar o procedemento de outorgamento de dereitos mineiros ao abrirse o período de información pública "simultaneamente" ao prazo de avaliación dos diferentes informes. Durante este prazo, calquera persoa, entidade ou organismo afectado poderá presentar cantas alegacións estime oportunas.

Así mesmo, a lei de acompañamento introduce que das alegacións e informes recibidos nos trámites de información pública e de consultas darase traslado á persoa solicitante, para que formule a contestación ao contido dos mesmos, nun prazo máximo de 15 días hábiles. Ademais, coa modificación incluída na coñecida como lei de acompañamento, o titular dun permiso de investigación poderá continuar cos traballos autorizados polo período que dure a tramitación do expediente de prórroga do devandito permiso de investigación ou de outorgamento de concesión derivada prevista na lexislación mineira.

FUNCIÓNS DE INSPECCIÓN MINEIRA

Así mesmo, a norma engade no apartado de inspección mineira que persoal das entidades colaboradoras da administración no ámbito da seguridade mineira poderán colaborar coas funcións de inspección neste ámbito. Esta colaboración, segundo se recolle na lei de medidas fiscais, poderá consistir en virar visita total ou parcial acompañado por persoal funcionario facultativo de minas.

En concreto, a consellería competente poderá acudir á colaboración destas entidades sempre que a acumulación de tarefas, a carencia de medios ou outra circunstancia extraordinaria impidan ou dificulten a atención das atribucións e funcións administrativas na súa integridade coa debida garantía e satisfacción dos principios de eficacia. En todo caso, sinala que o recurso a estas entidades "non poderá supor a externalización íntegra das funcións administrativas afectadas".

PLANS DE INSPECCIÓN

En canto aos plans de inspección, a Consellería elaborará e aprobará plans de inspección das actividades mineiras, que serán instrumentos directores para conseguir un coñecemento "exhaustivo" das actividades, establecementos, produtos ou instalacións mineiras en canto á súa posta en funcionamento e condicións de servizo, así como ao cumprimento das declaracións ambientais e dos requisitos regulamentarios e de seguridade mineira e industrial. No caso das explotacións mineiras que pola súa antigüidade ou características non conten con declaración ambiental, poderán ser obxecto das previsións recollidas nestes plans.

Nesta mesma liña, un dos programas específicos de inspección estará centrado especificamente na vixilancia do cumprimento das declaracións ambientais de dereitos mineiros. En calquera caso, o departamento autonómico deberá, como mínimo cada dous anos, aprobar novos plans de inspección ou prorrogar a vixencia dos xa aprobados tras un procedemento de revisión e actualización dos seus contidos.

PROXECTOS INDUSTRIAIS

En materia industrial, a lei de medidas fiscais e administrativas que acompaña aos orzamentos para 2026 inclúe a posibilidade de implantar un proxecto industrial estratéxico nun ámbito dun plan sectorial ou dun proxecto de interese autonómico xa aprobados ou en tramitación. Do mesmo xeito, establécese a aplicación do procedemento dos proxectos industriais estratéxicos aos proxectos estratéxicos de cero emisións netas.

NOVAS MEDIDAS PARA CHAN EMPRESARIAL

Doutra banda, incorpóranse medidas para facer "máis eficientes e flexibles" os mecanismos de venda ou aluguer de chan empresarial promovido pola Sociedade Xestión do Solo de Galicia-Xestur, S.A. En concreto, incorpora á lei de áreas empresariais de Galicia un apartado polo que Xestur poderá optar "discrecionalmente" por dispor, transferir ou constituír dereitos reais sobre os inmobles e parcelas en atención ás condicións do mercado inmobiliario e á estratexia que a sociedade pública adopte en cada momento o seu consello de administración.

Tamén se poderán utilizar procedementos de licitación pública para posta no mercado dos bens, cando así o decida o consello de administración, en particular cando poida presumirse pola natureza e características deles ou porque se trata da súa primeira comercialización, que existe un interese comercial e a posibilidade da presentación competitiva de ofertas. En casos xustificados, poderán terse en conta, ademais do prezo, outros criterios de adxudicación, en particular coa finalidade de promover a ocupación das parcelas con actividades empresariais que pola súa importancia, natureza ou interacción con outras, fomenten a actividade e ocupación do resto do parque empresarial.

Sin comentarios

Escribe tu comentario




No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.