Nova tentativa para calmar a revolta do lixo no Morrazo: hostaleiros e comerciantes abrense a recuperar o diálogo

|

Representantes do sector hostaleiro do Morrazo mantiveron este mércores unha reunión coa presidenta da Mancomunidade e alcaldesa de Cangas, Araceli Gestido, e con técnicos da entidade supramunicipal, para "recuperar o diálogo" entre ambas as partes e preparar o terreo para a reunión do mércores, tras os incidentes e a tensión vividos a semana pasada, no pleno que aprobou a nova ordenanza do servizo de recollida de lixos.

O pleno da Mancomunidade de hai unha semana deu luz verde á ordenanza fiscal que recolle o incremento da taxa polo servizo de recollida de lixo, un incremento que, segundo hostaleiros e comerciantes, chega ao 400 % nalgúns casos. A sesión, celebrada no Concello de Cangas, finalizou sobre as 20.00 horas, pero os edís que participaron no pleno non puideron saír ata horas máis tarde, e fixérono escoltados pola Garda Civil e a Policía Local, ante a cantidade de persoas que se congregaron ao redor da casa consitorial.

Ademais dos berros e apupos, algúns dos participantes na protesta envorcaron dúas colectores fronte ao edificio municipal, cortouse o tráfico e houbo lanzamento de ovos e de pedras. A Subdelegación do Goberno en Pontevedra informou de que, por estes feitos, un home está a ser investigado, mentres que outras 10 persoas foron identificadas e serán obxecto de denuncia. Unha semana despois, celebrouse unha "primeira toma de contacto", na que os hostaleiros trasladaron aos técnicos da Mancomunidade algunhas dúbidas sobre a ordenanza, e exploráronse posibles vías para tratar de mitigar, mediante as alegacións, o impacto desta subida do recibo.

"Foi un encontro para preparar o terreo, no que se abriu unha canle de diálogo, que é positivo. Houbo un achegamento e ambas as partes mostraron a súa disposición", valorou o presidente da Asociación de Restauración de Cangas (ARECA), Gustavo Soliño, que puntualizou que "sería bo" que ese diálogo se producise antes que o pleno leva a aprobación as novas taxas. Este mércores, de novo haberá unha reunión, esta vez con hostaleiros, comerciantes e representantes do parque industrial do Morrazo, coa directiva da Mancomunidade. Será nese encontro no que se trasladen as posicións e se estuden posibles vías para avanzar nunha "reformulación" da ordenanza, segundo Soliño, ata onde sexa legalmente posible, co fin de reducir o impacto da taxa.

Sin comentarios

Escribe tu comentario




No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.