O Consello da Xunta analizou este luns o informe de resultados da última enquisa sobre convivencia escolar en Galicia, que binualmente desde 2015 realiza a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP. En concreto, o 88 % das persoas enquisadas afirma que "non existen conflitos" ou, de existir, ocorren "de forma puntual", e o 99 % do alumnado de ensinos posobrigatorios destaca a "ausencia de conflitos". Neste sentido, o Goberno galego destacou nunha nota de prensa que na última década a convivencia nas aulas galegas "evolucionou de forma moi positiva", consolidando boas prácticas e reforzando a participación activa de toda a comunidade educativa .
Así mesmo, sinalou que "se mantén alto" tamén o grao de satisfacción en xeral das familias cos centros educativos dos seus fillos e todos os colectivos entrevistados --familias, persoal docente, alumnado e persoal non docente-- coinciden en que apenas existen conflitos nas aulas. Deste xeito, a percepción de mellora observada en todos os grupos enquisados crece ao redor dun 20 %, "o que confirma que as medidas levadas a cabo para consolidar os centros educativos como lugares seguros foron eficaces". A porcentaxe máis alta de percepción de mellora concéntrase nas familias, cun 73,5 % --28 puntos máis que o 46,3 % rexistrado na enquisa de 2015-- e do persoal de administración e servizos --o 74,14 %--.
Case o 66 % do profesorado tamén manifesta que a convivencia mellorou na última década --en 2015 afirmábao o 52 %-- e preto do 61 % do alumnado que cursa ensinos posobrigatorios. Ademais, o 86,61 % das familias declárase "satisfeita" co centro escolar no que estudan os seus fillos, porcentaxe de satisfacción que alcanza o 90,6 % no caso de alumnado de primaria e do 90,5 % no caso do profesorado. Sobre os aspectos positivos da convivencia, o alumnado destaca, sobre todo, respectar o horario --o 79,21 %--; ao profesorado --78,27 %--; e as normas de convivencia --76,49 %--.
ESPAZOS ONDE SE PRODUCEN OS CONFLITOS
Como conflitos principais, máis do 40 % do alumnado de ensinos obrigatorios cita chegar tarde a clase, non deixar dar clase e agredir verbalmente, mentres que o alumnado de ensino posobrigatorio sinala chegar tarde a clase e faltar a clase sen causa xustificada. En ambos os grupos, menos do 10 % apunta o acoso e o ciberacoso como un "conflito principal" no seu centro. Sobre os espazos de conflitividade, o alumnado de 5º e 6º de primaria e de ESO sinala os recreos como os momentos de máis conflitividade e no caso dos ensinos posobrigatorios sinalan os arredores do centro como o lugar onde tenden a xurdir conflitos con máis frecuencia. Todos eles coinciden en que nos aseos, no transporte escolar ou no comedor "apenas se producen situacións conflitivas".
Así mesmo, a Xunta indicou que crece tamén a porcentaxe de alumnos que afirma non sufrir condutas negativas, un 75,5 % e destacou que a mellora do clima escolar dáse especialmente nos ensinos obrigatorios, co 74,16 %, e nas posobrigatorias co 81,47 %. En canto á porcentaxe de estudantes que declara non manter condutas negativas, o 85,58 % dos alumnos de ensinos obrigatorios afirma non ter este patrón de comportamento, así como o 88,89 % dos de postobrigatorias. Doutra banda, os alumnos que declaran padecer estas condutas sinalan como as máis habituais os insultos (9,24 %), as risas (8,12 %) ou o meterse directamente con eles (7,56 %).
Na mesma liña que na última enquisa, a maioría das familias consultadas, preto do 80 %, afirma que os seus fillos e fillas non participaron en situacións que poidan afectar negativamente outras persoas nin foron autores/as deses comportamentos. Con todo, a enquisa suxire que a forma máis habitual de resolución de conflitos que adopta o alumnado é falando coa persoa titora individualmente (60,92 %). Pola súa banda, a maioría do profesorado consultado (o 87,9 %) manifesta que adoita resolver os conflitos dialogando para tentar chegar a acordos ou tratando o conflito entre todos e todas (77,2 %). No caso das familias, máis dun 90 % das familias consultadas afronta a resolución de conflitos acudindo ao profesorado.
REFERENTE DA INNOVACIÓN FP
Noutra orde de asuntos, o Consello analizou este luns un informe que sinala que o Centro Galego da Innovación da FP Eduardo Barreiros, con sede en Ourense, está a consolidar a súa actividade como motor do I+D+i nestes ensinos e, despois de tres anos en funcionamento, "sitúase como un referente en España co desenvolvemento de prototipos, do rexistro da primeira patente e da creación da primeira empresa a partir do traballo do alumnado". En concreto, actualmente ten 14 proxectos en desenvolvemento e forma parte doutro a nivel internacional para o impulso da FP en enerxías renovables mariñas. Ademais, o centro rexistrou xa, como modelo de utilidade, a primeira patente, e están en desenvolvemento 24 prototipos co apoio da área de Emprendemento Industrial.
Escribe tu comentario