Os portavoces da oposición, Ana Pontón (BNG) e José Ramón Gómez Besteiro (PSdeG), tacharon de "rutineiros e propagandísticos", así como de "absolutamente decepcionantes" os orzamentos da Xunta para 2026 que este luns entregou o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, ao presidente do Parlamento, Miguel Santalices, na Cámara galega. En rolda de prensa tras a xunta de portavoces, Ana Pontón reprochou ao Executivo autonómico que os mantivo "escondidos desde o venres" para "ocultar información aos grupos" e, deste xeito, "seguir coa súa política de propaganda".
Neste contexto, a nacionalista defendeu que estas contas son "o retrato perfecto do Goberno de Rueda: estancado, sen ideas e conformista". "Hai máis ambición nos orzamentos de calquera comunidade de veciños que nestas contas rutineiras do PP, que son pura burocracia contable que nos repiten ano tras ano coma se estivésemos no día da marmota", destacou Pontón, que reiterou que son "o reflexo dun goberno sen iniciativa e que mantén Galicia en punto morto".
"SEN PROXECTO DE FUTURO"
Así, cuestionou "onde están os grandes proxectos de futuro" e aqueles que "van mellorar a vida dos galegos" ou que "serven para loitar contra o cambio climático, xerar emprego de calidade ou dinamizar o medio rural". En canto a partidas concretas, Ana pontón puxo o foco no orzamento que se destina ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF), criticando que "entre 2024 e 2025 recortouse en 35,5 millóns de euros".
Ademais, censurou que se manteñan "os agasallos fiscais para as persoas máis ricas", mentres "miles de persoas non poden pagar un aluguer". Segundo a líder da oposición, a política de baixar impostos "a quen máis teñen" fai que se perdan "793 millóns que se podían destinar a sanidade, dependencia ou políticas de vivenda". Sobre a débeda, Ana Pontón lamentou que sexa a "terceira partida de gasto máis importante" das contas galegas, con "1.850 millóns de euros", destinando, tal e como exemplificou, "3,4 veces máis que a Vivenda e 11 veces máis que a loitar contra o cambio climático". "O PP de Madrid manda, Rueda obedece e Galicia perde a condonación da débeda pública", reprochou.
LEI DE ACOMPAÑAMENTO: "UN COADOR"
Na súa comparecencia, Pontón criticou tamén que sexan "un coador para modificar leis pola porta de atrás e sen debate parlamentario", censurando que "se modifican 69 leis e 16 regulamentos". Para a portavoz nacionalista, a maior parte desas modificacións van dirixidas a "favorecer o espolio dos recursos naturais, favorecen a eléctricas, megaminería e macrocelulosas".
"Man dura para reducir a capacidade da cidadanía á hora de poder alegar en contra deses proxectos. Supoño que como houbo tantas alegacións en contra de Altri queren limitar esa capacidade da cidadanía e esta lei pon un escudo protector para que as eléctricas encher Galicia de muíños, gañando millonadas á conta do patrimonio natural dos galegos", argumentou. En definitiva, Ana Pontón ve uns orzamentos "rutineiros" e "sen ambición", froito de "un goberno estancado, sen proxecto de país de futuro" e que usa as contas para "servir intereses particulares de eléctricas e empresas amigas do PP".
"ABSOLUTAMENTE DECEPCIONANTES"
Pola súa banda, o líder socialista, Gómez Besteiro, nunha primeira valoración dos orzamentos, cualificounos como "absolutamente decepcionantes" e censurou que "o único que crece" en Galicia son "os demandantes de vivenda, de axuda a dependencia ou de atención sanitaria pública".
Así, Besteiro criticou as rebaixas fiscais "dirixidas aos máis ricos", en prexuízo, dixo, "da inmensa maioría dos galegos". Respecto da condonación da débeda, o portavoz do PSdeG lembrou que existe "un ofrecemento en firme de que Galicia poida solicitala", o que suporía "que nesa partida para 2026 figuraría aforrar un terzo deses 1.850 millóns, é dicir, 620". Tamén volveu sinalar que os orzamentos "non crecen", ao incrementarse "un 2,1 %" fronte a un IPC que, estimou, "vai pechar en torno ao 2,8-2,9 %". "Iso é perder, aquí e en China. Os orzamentos decrecen sobre a realidade económica do país para 2026. Son uns auténticos lumbreras", destacou.
"NON SOLUCIONAN PROBLEMAS REAIS"
Por partidas, Besteiro mencionou os fondos destinados a vivenda, dos que criticou que "non se executan" e que "todo está investido a futuribles e non en solucionar os problemas reais". Sobre sanidade, indicou que Galicia "paga máis aos bancos do que se inviste en atención primaria", mentres que de Política Social subliñou que "só aumenta o gasto en dependencia porque se incrementaron os fondos do Estado" e "baixan especialmente as partidas destinadas a emigración", equiparando a "PP e Vox".
Por último, en relación co financiamiento local, Besteiro relatou que o fondo base mantense, á vez que "se incrementa en 18 millóns o fondo que se reparte a dedo, sempre orientado cara a mesma cor política". "O Goberno de Rueda non está a dar resposta aos principais problemas que teñen os cidadáns deste país. Mentres presumen de cifras e anuncios, o que sobe é o malestar, a precariedade e a falta de bos servizos públicos de calidade", resolveu.
ORZAMENTOS "MARCA"
Pola súa banda, o viceportavoz do PPdeG Alberto Pazos destacou uns orzamentos "marca", con "14.240 millóns de euros dos que tres de cada catro destínanse a gasto social, sanidade, educación, política social e emprego". Tamén puxo en valor a baixada do paro prevista para o próximo ano e o incremento do PIB. Todo iso, engadiu, "cunha nova rebaixa de impostos a colectivos como familias monoparentais, o contrato vitalicio ou na compra de material escolar". "Eses colectivos que PSOE e BNG cualifican como os ricos", ironizou.
Sobre as críticas da oposición, o portavoz popular criticou que o BNG fale de "un goberno sen proxecto de país", sobre todo, dixo, "se as comparamos co proxecto que eles defenden", repasando a súa "semana de gloria" con "a foto da vergoña cos herdeiros de ETA, chamando fascista ao Premio Nobel da Paz e co documento feito público polo partido marxista leninista que tutela ao BNG no que chama a axitar e crear tensión nas rúas".
Do PSdeG, Pazos Couñago reprochou que "teña a desvergoña" de criticar os orzamentos "cando o seu Goberno leva desde 2023 cunhas contas prorrogadas". Así, defendeu que coa entrada das contas na Cámara iníciase unha tramitación que se levará a final do mes de decembro "para cumprir co obxectivo de que Galicia inicie 2026 con novos orzamentos". Unha situación, insistiu, "totalmente oposta" ao que ocorre a nivel estatal, "cun Goberno débil e sen o apoio suficiente para sacar adiante os orzamentos do Estado".
Escribe tu comentario