Nova convocatoria de folga do profesorado galego os días 28 e 29 de outubro

|

O Sindicato de Traballadores e Traballadoras do Ensino en Galicia (STEG) convocou unha nova xornada de folga, neste caso de 48 horas, os días 28 e 29 de outubro. Chamou a participar a máis de 30.000 docentes de centros educativos públicos dependentes da Consellaría de Educación. Nun comunicado, a organización sindical explica que o obxectivo desta mobilización é reclamar a redución da carga lectiva do profesorado de Secundaria e Formación Profesional (FP), "que está por enriba da da maioría das comunidades autónomas", ata as 18 horas lectivas semanais, e do de Primaria ata as 21 horas.

As demandas dos docentes, engade, inclúen tamén a diminución "inmediata e real, sen excepcións, do número de alumnado por grupo, para poder garantir unha atención educativa de calidade". Así mesmo, piden o aumento da contratación de profesorado especialista na atención ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo. Ademais, entre outras cuestións, solicitan a recuperación salarial das perdas acumuladas nos últimos anos e do cobro dos meses de verán por parte do profesorado substituto. "Este dereito do profesorado interino a non ir á rúa a finais de curso vén sendo vulnerado desde 2013 a través da lei de acompañamento dos orzamentos de Galicia, unha anomalía única no estado español", apunta STEG.

PROTESTAS

Por todo iso, STEG acordou coa CIG a convocatoria de distintas mobilizacións durante as dúas xornadas da folga. O martes 28, está prevista unha acción simbólica de protesta, na que o profesorado rodeará de cabazas a sede da Xunta en San Caetano, en Santiago de Compostela. O día seguinte, o corpo docente galego está chamado a participar nas manifestacións que terán lugar no catro capitais de provincia galegas, que terminarán diante das direccións territoriais da Consellería de Educación. Todas comezarán ás 11.30 horas.

Sin comentarios

Escribe tu comentario




No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.