Ferrol paraliza as obras no estadio da Maleta tras recoñecer "erros do equipo técnico"

|

O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela (PP), anunciou este luns a desestimación provisional da licitación das obras da cuberta do estadio da Malata tras detectarse "erros de cálculo" no proxecto. O rexedor asegurou que o obxectivo é "emendar" os problemas "canto antes para evitar consecuencias futuras" e que nos próximos días abrirase un novo prazo de ofertas coas correccións pertinentes.

"Detectamos erros de cálculo no proxecto, un proxecto cunha complexidade importante, erros do equipo técnico redactor e axiña que se detectan eméndanse para evitar problemas futuros nesta obra", explicou Rei Varela tras a Xunta de Goberno Local. Pese ao contratempo do estadio que utiliza o equipo de fútbol do Racing de Ferrol, a reunión semanal do goberno popular deu luz verde a outros proxectos.

Así, dentro de 'Abrir Ferrol ao Mar', aprobáronse as adxudicacións dos servizos de coordinación integral e dirección de obras do proxecto na contorna do Arsenal e A Magdalena. A dirección de obras recaeu na empresa Proife por 168.190 euros e a coordinación de seguridade e saúde en Incope Consultores por 23.850 euros. Con estas adxudicacións, o proxecto queda á espera da aprobación do plan de seguridade e saúde para finalizar o proceso administrativo, e desta maneira poder iniciar a derriba da muralla que limita a instalación militar.

Ademais, aprobouse o expediente de contratación das obras da Cidade Náutica da Cabana, por un importe de 1.777.966 euros, onde o obxectivo do Concello é ter o proxecto adxudicado leste mesmo ano 2025 para que as obras poidan comezar en 2026, cun prazo de execución de 14 meses. Tamén se deu luz verde á adxudicación das obras para executar un local social no barrio de Recimil por 435.224 euros. Trátase dunha actuación "esperada desde hai moito tempo" e que permitirá aos veciños contar cun local social nun prazo de execución de nove meses.

Sin comentarios

Escribe tu comentario




No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.