Pontón acusa á Xunta de “actuar como unha deputación” e critica a falta dun proxecto de país

|

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, criticou este domingo que os orzamentos da Xunta para 2026 “carecen dun proxecto de país” e limitáronse, ao seu xuízo, a “repartir fondos como se fose unha deputación”. Nunha entrevista na Cadena SER, a líder nacionalista asegurou que as contas do Executivo de Alfonso Rueda “non achegan impulso nin solucións reais aos problemas da cidadanía galega”, e advertiu de que se manteñen “as rebaixas fiscais ás grandes rendas mentres faltan recursos para servizos públicos básicos como a sanidade ou a atención social”.

Pontón mostrou preocupación polo “déficit acumulado de investimento” no sistema sanitario e polo funcionamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF). Tamén cuestionou a política de vivenda da Xunta, ao sinalar que moitos programas “non se executan”, e puxo como exemplo que, a xuño deste ano, só se cumprira o 5% do programa de acceso á vivenda dos orzamentos de 2025. “Resulta escandaloso o anuncio da compra de baixos vellos para alugueiro social, cando o problema é estrutural”, lamentou.

A líder do Bloque reclamou ademais o cesamento da conselleira de Política Social, Fabiola García, tras o peche da residencia de maiores de Xinzo de Limia. Pontón asegurou que “a situación de anciáns desnutridos e sen coidados axeitados é inadmisible” e instou á Xunta a incrementar o número de inspectores, publicar as actas de supervisión —“empezando polas de Amoeiro”— e abandonar o “modelo privatizado” da atención residencial.

En relación coa prórroga da moratoria do eucalipto ata 2030, Pontón cualificouna de “pseudomoratoria” e acusou ao PP de manter “barra libre” para o monocultivo. “Acabamos de vivir unha vaga de lumes que demostra que hai que ir noutra dirección”, advertiu, alertando de que o eucalipto é “unha hipoteca para o futuro do país”. Sobre os orzamentos estatais, avanzou que o BNG “non apoiará unhas contas que prexudiquen a Galicia” e que nas negociacións con Madrid as prioridades serán o rescate da AP-9 e as melloras no ferrocarril galego.

Sin comentarios

Escribe tu comentario




No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.