O BNG cualifica de "un simple exercicio de maquillaxe política" a moratoria do eucalipto

|

A deputada e responsable de Montes e Industrias Forestais do BNG, Montse Valcárcel, asegurou este domingo que a prórroga da moratoria do eucalipto anunciada pola Xunta ata 2030 "non é unha solución real, senón un simple exercicio de maquillaxe política". Para a deputada, o anuncio feito este xoves polo Goberno galego é "un apaño cheo de excepcións" que, na práctica, "abre a porta ao avance do monocultivo de eucalipto".

Neste sentido, denunciou que esta especie "continúa crecendo sen control, mentres a Xunta non fai públicos os datos reais de superficie e as sancións impostas representan unha mínima parte das infraccións detectadas". Tal e como lamentou a nacionalista, o "problema de fondo" é que o Goberno galego, en lugar de apoiar aos propietarios de piñeiros para combater as pragas e recuperar as masas autóctonas, "está a impulsar e incentivando a substitución do piñeiro polo eucalipto".

Ademais, lembrou que este ano arderon en Galicia "máis hectáreas que nunca" desde que hai rexistros e alertou das consecuencias de ter "grandes extensións" de eucaliptos. Por todo iso, os nacionalistas esixiron nunha nota de prensa partidas "reais, cuantificadas e suficientes para restaurar o bosque autóctono, apoiar a diversificación forestal e frear de verdade o monocultivo". "O que está en xogo non é só masa forestal: é o futuro das aldeas, da economía do rural e da identidade de Galiza. Defender o monte galego é defender Galiza", concluíu Valcárcel.

Sin comentarios

Escribe tu comentario




No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.